O Goberno aproba un permiso remunerado de catro días por catástrofes
O Goberno aproba un permiso remunerado de catro días por catástrofes
Este permiso "climático" e prorrogable vaise incorporar ao Estatuto dos Traballadores e permite ausentarse catro días do posto de traballo
O Consello de Ministros aproba 2.274 millóns de euros para os damnificados pola DINA, entre eles, a axuda a fondo perdido de ata dez mil euros para mercar un vehículo
O Ministerio de Traballo levará este xoves ao Consello de Ministros para a súa aprobación un paquete de medidas en materia laboral e de prevención de riscos en que se prevér a modificación do Estatuto dos Traballadores para incluír un novo permiso retribuído co que blindar o dereito para ausentarse do traballo en caso de catástrofes, segundo informaron a Europa Press fontes do Departamento que dirixe Yolanda Díaz.
En concreto, incorporarase ao Estatuto dos Traballadores o que Traballo denomina permisos climáticos: ata catro días de permiso remunerado para o traballador pola imposibilidade de acudir ao centro de traballo ante unha catástrofe.
O permiso será prorrogable ata que desaparezan as circunstancias que o motivaron. No caso de que sexan necesarios máis días, as empresas poderían facer uso dun Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) de forza maior para a súa xustificación.
Entre as medidas laborais que prevé aprobar este xoves o Consello de Ministros figura a obrigatoriedade de que todos os convenios colectivos negocien protocolos de actuación fronte a catástrofes e fenómenos meteorolóxicos adversos.
A empresa estará obrigada a informar canto antes aos seus traballadores das medidas que adoptará e deberá interromper a actividade ou suspendela ata que remita o perigo, o cal se denomina "dereito verde".
No prazo dun ano, o departamento que dirixe Yolanda Díaz prevé aprobar o regulamento sobre a protección das persoas traballadoras fronte aos efectos do cambio climático no ámbito laboral.
Terceiro paquete de medidas para axudar os damnificados pola DINA
O Consello de Ministros extraordinario deste xoves aprobará un novo paquete de axudas de 2.274 millóns de euros para repoñer o parque automobilístico e o tecido produtivo afectado pola DINA.
Contará con 60 medidas e incluirá un plan de 465 millóns de euros para a renovación do parque automobilístico, con axudas directas a fondo perdido de 10.000 euros para comprar un vehículo, que poderán sumarse ás indemnizacións que xa está a empezar a pagar o Consorcio de Compensación de Seguros.
Os vehículos adquiridos non terán que ser novos, e incluiranse de forma retroactiva todos os que se compraron desde o 29 de outubro en substitución doutro sinistrado.
Tamén se activará unha nova liña de 1.200 millóns de euros para que os autónomos e empresas industriais poidan reparar as súas instalacións, equipos e stocks de produtos, e poidan realizar novos investimentos.
A isto súmase outros 240 millóns para a reactivación do comercio local, 300 millóns de euros en préstamos bonificados de ata seis millóns para aquelas pemes afectadas que desexen adquirir tecnoloxía e maquinaria de última xeración e 19 millóns de euros para sufragar a reposición de libros de texto e material escolar para os estudantes que residan nos municipios afectados.
Tamén se vai recoñecer o dereito a que persoas distintas aos conviventes poidan obter as axudas por falecemento e por danos na vivenda.
Os tres paquetes de medidas que o Goberno central habilitou para atender os damnificados da DINA e reconstruír as zonas afectadas contan cun investimento de máis de 16.000 millóns de euros.