O Goberno inxectará outros 2.274 millóns de euros aos damnificados pola DINA
O Goberno inxectará outros 2.274 millóns de euros aos damnificados pola DINA
Este terceiro paquete será aprobado mañá nun Consello de Ministros extraordinario, e inclúe axudas directas de ata dez mil euros para a adquisición de vehículos
Sánchez está disposto a crear unha comisión de investigación no Congreso, na que el mesmo participará, e apunta a Mazón: "Non fallou o estado autonómico, fallaron persoas que non estiveron á altura das súas responsabilidades"
Feijóo esixe a Sánchez que non se escude na DINA para "esconderse dos casos de corrupción que levan o seu nome"
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou que mañá o Consello de Ministros aprobará, nunha reunión extraordinaria, o terceiro paquete de axudas aos afectados pola DINA de Valencia por valor de 2.274 millóns de euros.
Deles, 465 millóns destinaranse a renovar o parque automobilístico, moi danado pola catástrofe. De feito, hai máis de 120.000 vehículos destruídos nas principais zonas afectadas.
Neste senso, o presidente do Goberno anuncia axudas directas de ata dez mil euros que non terán que devolverse.
Este terceiro paquete completa o plan de resposta en tres fases do Goberno, do que ata o de agora se mobilizaron 14.373 millóns de euros.
Sánchez: "Non fallou o estado autonómico, fallaron persoas que non estiveron á altura das súas responsabilidades"
O presidente tachou de "falsas" as acusacións vertidas por PP e Vox sobre a xestión da DINA por parte do Goberno; asegura que o Executivo cumpriu desde o primeiro momento coas súas responsabilidades, "ségueo facendo e seguirao facendo todo o tempo que sexa necesario ata abordar a reconstrución das zonas afectadas".
Ao seu xuízo, non fallou o estado autonómico, "fallaron persoas que non estiveron á altura das súas responsabilidades".
O presidente do Goberno defende a creación dunha comisión de investigación no Congreso sobre a DINA, que debe servir, asegura, para "render contas" sobre o ocorrido.
O propio Sánchez amósase a disposto a participar na citada comisión de investigación, pero matiza que agora non é o momento de facelo. "Eu mesmo participarei, convencido de que esta rendición de contas lla debemos ás vítimas, ás xeracións futuras e tamén a nós mesmos pero, na miña opinión, aínda non é o momento".
"Se algúns queren buscar culpables, que os busquen, pero non sinalando os servidores públicos"
O presidente nega que houbese "algún apagamento informativo o día 29", defendeu a profesionalidade da Axencia Estatal de Meteoroloxía e da Confederación Hidrográfica do Xúcar e pediu que non se engane aos cidadáns.
"Se algúns queren buscar culpables, que os busquen, pero non sinalando os servidores públicos, que cumpriron co seu deber". Segundo explicou, "dicir o contrario é negar a evidencia, tirar balóns fóra, faltar á profesionalidade de centos de servidores que fixeron ben o seu traballo e cumpriron os protocolos".
Sánchez acode á Cámara Baixa despois de que xa compareceran ante o pleno outros membros do seu Executivo, como a xa exvicepresidenta terceira e ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribeira, o ministro de Política Territorial e Memoria Democrática Ángel Víctor Torres e a ministra de Defensa Margarita Robles, esta última, ante o pleno do Senado.
Feijóo: "A xente non lle vai perdoar que non exercese as súas competencias, ten que pedir desculpas e non parapetarse detrás desta traxedia"
O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, acusou o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, de comparecer no Congreso un mes "tarde" para render contas sobre a DINA para "esconderse dos casos de corrupción que levan o seu nome" e "cubrirse de toda a peste de corrupción e mentiras que lle rodean".
"Serviuse dos recursos dos españois aos que se deben e o que ten que facer é pedir desculpas, devolver o que levaron e marchar, non parapetarse detrás desta traxedia", afirmou o líder da oposición na súa réplica a Sánchez na Cámara Baixa.
Ao xefe do Executivo Feijóo díxolle que "non calculou ben" e que "a xente non lle vai perdoar que non exercese as súas competencias, non lle vai perdoar o seu abandono".
Poden seguir a sesión en directo a través de G24.gal.