Publicador de contidos
Publicador de contidos

A UE recomenda ampliar a prohibición de fumar e 'vapear' en terrazas e parques infantís

A UE recomenda ampliar a prohibición de fumar e 'vapear' en terrazas e parques infantís

Alemaña e Grecia abstivéronse, mentres que Italia e Romanía foron críticas co proceso para tramitar a recomendación

A OMS declara que a exposición a emisións procedentes de produtos de tabaco está relacionada con "anomalías respiratorias e cardiovasculares significativas padecidas polos fumadores pasivos"

Unha persoa fumando nunha terraza/EP Unha persoa fumando nunha terraza/EP
G24.gal 03/12/2024 13:02

Os ministros de Sanidade da Unión Europea adoptaron este martes unha recomendación para ampliar a prohibición de fumar a espazos abertos como terrazas de bares e restaurantes, parques infantís, paradas de bus e piscinas. Piden incluír tamén nesta restrición produtos emerxentes como o cigarro electrónico, sen importar que conteñan ou non nicotina.

O texto aprobouse en Bruxelas coas únicas abstencións de Alemaña e Grecia. Inclúe unha declaración anexa por parte de Italia e Romanía crítica co proceso para tramitar esta recomendación e que cuestiona a base científica para soster que os riscos pola exposición ao vapeo xustifican ampliar a estes produtos as mesmas restricións que ao tabaco tradicional.

Segundo lembrou a presidencia de quenda da UE, ocupada este semestre por Hungría, non se trata dunha nova lexislación común, senón dunha recomendación que os Estados membros poderán escoller se pola en práctica ou non.

A nova posición revisa unha recomendación de 2009 para adaptala á realidade actual en que o mercado ofrece novos produtos de tabaco e aerosois. A súa misión é lograr unha xeración "libre de fumes" no horizonte de 2040, é dicir, que para esa data menos dun 5% da poboación europea sexa fumadora.

Esta actualización xorde dunha iniciativa da Comisión Europea na que se teñen en conta informes da Organización Mundial da Saúde (OMS) segundo os cales a exposición a emisións alleas procedentes de produtos de tabaco está relacionada con "anomalías respiratorias e cardiovasculares significativas padecidas polos fumadores pasivos". A OMS tamén engade que o vapor dos cigarros electrónicos "expón ás persoas da contorna a niveis cuantificables de partículas en suspensión e de substancias tóxicas e contaminantes".

Fumar e vapear, a debate na UE

No debate previo á adopción, a ministra de Sanidade, Mónica García, expresou a súa preocupación por que "os mozos reciban unha mensaxe equívoca sobre o risco que entrañan estes produtos para a súa saúde", recalcando a necesidade de protexer aos máis vulnerables "que sofren de forma pasiva e sen alternativa de elección as consecuencias desta exposición".

Con todo, países como Grecia amosaron o seu malestar pola falta de avaliacións de impacto e reclaman "solucións viables" e "proporcionalidade" nas accións e avisa de que será "difícil" trasladar a recomendación ás especificidades de cada país sen facer previamente o estudo do seu impacto.

Pola súa parte, Romanía e Italia incluíron unha declaración na que consideran que a proposta "requiriría prazos maiores e modalidades mellores para desenvolver a análise entre os Estados membros" e tachan de "lamentable" a falta de debate.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade