Seprona rescata 20 cans nunha parcela de Cambados
Seprona rescata 20 cans nunha parcela de Cambados
Algúns dos animais estaban extremadamente delgados
O home de 80 anos vivía só mentres se encargaba dos animais
O pasado martes, axentes do Seprona rescataron vinte cans nunha parcela de Cambados, na casa dun home de 80 anos. Foron os veciños da zona os que deron a voz de alarma pola acumulación de tantos animais nun mesmo domicilio. Os gardas presentáronse no lugar e levaron os cans para o Refuxio de Cambados, onde agora se recuperan. Algúns dos animais presentaban síntomas de enfermidade ou extremada delgadez.
Os vinte cans son da raza podengo e seis deles aínda son cachorros. A maiores deles están ao coidado dos responsables e voluntarios do refuxio, mentres que outros recupéranse das feridas na súa clínica.
"Os animais non estaban mal atentidos. Non presentaban pulgas ou garrapatas e os que tiñan feridas era por unha pelexa entre os propios animais", declara Manuel Acha, un dos voluntarios do Refuxio de Cambados.
Parece que o dono, que vivía só no domicilio, podería sufrir a síndrome de Noé, que, como o personaxe bíblico, leva a quen a padece a acumular patoloxicamente animais no seu fogar. Así e todo, o home colaborou en todo momento cos axente do Seprona. As súas boas prácticas permitíronlle chegar a un acordo cos axentes e quedar con dous dos animais. Ademais, visitou ao resto no refuxio.
"Quizais a alimentación non era a axeitada ou non comían o suficiente, pero os cans non estaban maltratados", declara Manuel Acha. Os cans están a ser desparasitados e vacinados antes de proceder coa súa posta en adopción.
Seprona declara que parece que non houbo mala fe por parte do dono dos animais nin que poida tratarse dun delito de maltrato, non como noutro caso ocorrido en Sanxenxo e do que hai dilixencias abertas no Xulgado de Cambados. Estase investigando a un veciño de Meaño por disparar supostamente a un can o pasado 15 de novembro.