Thor, o Messi dos cans de rescate de Galicia, gaña o campionato europeo
Thor, o Messi dos cans de rescate de Galicia, gaña o campionato europeo
Xubílase despois de lograr o ouro nos xogos europeos de policías e bombeiros
A medalla é o colofón dunha carreira en que atopou catro desaparecidos
Thor xubílase pola porta grande: cunha medalla ao máis alto nivel. É o ramo a unha carreira excepcional en que conseguiu o que poucos cans lograron antes.
"Ao longo da súa vida laboral conseguiu atopar catro desaparecidos en grandes áreas e agora acaba de proclamarse campión na X edición dos xogos europeos de policías e bombeiros", explica Alejandro Barreiro, o presidente da Asociación de Cans e Salvamento de Galicia.
Aprendeu o oficio xogando desde cachorro. Hoxe é o orgullo desta unidade ferrolá de cans rescatadores, onde sempre destacou por ter un olfacto e un instinto fóra de serie.
"Desde pequeno notamos que tiña algo especial, sempre tivo unha actitude moi boa. Con tan só dous anos atopou a primeira persoa desaparecida", engade Sergio Barreiro González, guía de Thor e voluntario de CASAGA.
Buscou vivos e mortos en grandes e extensións do rural, pero tamén amosou a súa habilidade baixo os cascallos, na pirotecnia de Tui ou no terremoto de Turquía. Alí e nas riadas de Libia foi un aliado de toda confianza para os bombeiros da ONG Briegal.
"É fundamental para nós ter bos cans e confiar neles. Se el marca un sitio, se canta unha posible vítima nun oco entre cascallos nós temos que entrar. Se o can non marca ben nos pode poñer en perigo", di Manuel Tato, bombeiro e presidente da ONG.
A piques de facer os once anos, este cruzamento de pastor belga e alemán está aínda en plena forma. Pero toca dar paso ás novas xeracións, onde xa buscan remuda de tan avezado rescatador.