Publicador de contidos
Publicador de contidos

A sommelier Sonia Molero pon en valor os caldos da IXP Terra de Betanzos

A sommelier Sonia Molero pon en valor os caldos da IXP Terra de Betanzos

En 2016 emprendeu o proxecto Unipositivo, co que fai divulgación e promoción da cultura do viño

A sommelier Sonia Molero
G24.gal 16/09/2024 19:26 Última actualización 16/09/2024 20:03

"Imos ata Paderne para coñecer o viño A Barra, que é un dos meus viños favoritos de Ribeiras de Armea, un viño doutra liga, complexo, viño tinto que quizais nos lembre algúns dos viños do norte de Francia". Así fala Sonia Molero dun dos viños da Indicación Xeográfica Protexida Terra de Betanzos. Esta sommelier, de orixe catalá e galega de adopción, leva case dez anos colaborando coa Reserva da biosfera das Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo.

Na actualidade, asesora a profesionais da restauración e da hostalería no deseño das súas cartas de viños. A súa filosofía de traballo: "Se ti cres que a túa comida é moi boa, os teus viños teñen que ser moi bos. Non teñen que ser moi caros, teñen que ser moi bos. E logo deben estar en consonancia co ambiente e co teu perfil de clientela".

Asegura que o consumidor é cada vez máis esixente. Con todo, recoñece que persisten os mitos e falsas crenzas: "Eu, por exemplo, sempre teño un problema cos dous ou tres viños das cartas. Sempre tento que teñan unha relación calidade/prezo moi boa, pero que pasa? Que o cliente nunca pide nin o primeiro, nin o segundo porque pensa que se é barato ao mellor non é bo".

Organizadora de eventos, catas, formadora e divulgadora, en 2016 emprendeu o proxecto Unipositivo de promoción da cultura do viño. Para iso parte do produto local e comenta a súa propia experiencia: "O meu primeiro ano aquí en Galicia, na Coruña, eu dicía que había un viño de Betanzos moi rico e dicíanme que o viño de Betanzos non era rico.

E agora vou a unha feira de Betanzos e hai centos de persoas que pagan por un viño que ten moito traballo detrás, gozan del e fano de xeito normal e natural sen que esas persoas vexan nada raro e están a beber un viño riquísimo".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade