Novo sistema de reclamación dixital: código QR para que os consumidores acheguen as súas queixas
Novo sistema de reclamación dixital: código QR para que os consumidores acheguen as súas queixas
Os comercios poden solicitar o seu código QR no igc.consumo@xunta.gal
As follas de reclamación están sempre a disposición de todos os clientes, pero non todos fan uso delas.
"Simplemente por toda a burocracia, por perda de tempo e que ás veces desconfiamos ata de que iso chegue a facer efecto".
"Méteste en papeis e non sabes moito o que facer, entón ás veces bótaste atrás por ese motivo", comentan dúas clientas.
En Galicia, as follas de reclamación físicas teñen os días contados, porque agora os establecementos comerciais contan cunha ferramenta dixital pioneira para axilizar ese proceso. Faise a través dun código QR.
"Simplemente temos que procurar ese código QR que estará presente nos diferentes establecementos comerciais, coller o noso móbil e escanear ese código QR. A partir de aí xa se abrirá unha páxina onde nós poñeremos os nosos datos e directamente escribiremos cal foi o conflito ou o problema que nos aconteceu", explica Sol Vázquez, xerente do Instituto Galego do Consumo e a Competencia.
Esa reclamación chegaralle primeiro ao comerciante e, se non se resolve a queixa, a través dun enlace poderase remitir ao Instituto de Consumo sen ter que facer máis papeleos. Beneficia o consumidor, pero tamén o comerciante.
"Isto o que nos vai permitir é, por un lado, non ter que ir a consumo a mercar as follas, aínda que ten un custo mínimo, pero sobre todo é o proceso de ter que ir alí, e despois, por outro lado, o tema da sostibilidade que nos vai permitir aforro de papel", apunta Bea Barril, responsable do Mercado Galego da Creatividade, tenda piloto na implantación do sistema.
Con todo, o papel non vai desaparecer. Convivirán os dous métodos para que cada quen use o que mellor lle veña. Os establecementos que queiran implantar este novo sistema poden xa dirixirse ao Instituto Galego de Consumo e Competencia, que lles facilitará o seu código de QR. A previsión é que no 2025 haxa uns 5.000 comercios adheridos.