Baxi Ferrol e Celta acadan os seus obxectivos; o Ensino queda ás portas
Baxi Ferrol e Celta acadan os seus obxectivos; o Ensino queda ás portas
Baxi entra na loita polo título e o Celta sálvase
O Ensino completa unha boa tempada, pero non logra a vitoria na última xornada
Na Liga Feminina, o Baxi Ferrol superou o Estudiantes na Malata 71-63 nun gran partido de todo o equipo e cun gran ambiente no pavillón. Gala Mestres foi a MVP do partido, Angela Mataix achegou 17 puntos. O triunfo significa que as ferrolás entran no play off na temporada do seu regreso á primeira división. O seu rival vai ser o Avenida.
Quedou fóra da loita polo título o Durán Maquinaria Ensino tras caer na cancha do IDK. E iso que as de Antonio Pernas ían gañando a pouco máis de dous minutos e medio para o final. Engancharon as vascas un parcial de 10-2 que lles deu o triunfo e deixou as luguesas no noveno posto. Rematou a temporada para elas.
Todo o mundo en Navia nada máis rematar o partido do Celta Zorka Recalvi estaba pendente do que acontencía no Xirona-Gran Canaria. Porque as viguesas cumpriran coa súa parte, mallando no Bembibre pero precisaban a derrota das insulares para seguir na elite. E estouparon de felicidade cando se consumou a vitoria do Xirona. O Celta Zorka Recalvi xogará unha temporada máis na primeira división do baloncesto feminino.