A relación con Abanca, a venda de xogadores; os titulares que deixou a Asemblea do Celta
A relación con Abanca, a venda de xogadores; os titulares que deixou a Asemblea do Celta
Na Asemblea do Celta fíxose unha perfecta exposición da situación económica, social e deportiva do club. Pero sempre hai temas que acaban acaparando os titulares pola súa trascendencia social e mediática.
Un dos socios pediu explicacións pola relación do Celta con Abanca logo de que o seu dono ocupase a presidencia do Deportivo. Gainzarain, CEO Corporativo do club vigués respondeu que "fora unha decisión que sorprendeu no Consello do Celta". Tamén comentou que pediron "o mellor trato para o Celta como o primeiro club de Galicia e que a entidade financieira mellorou a súa aportación para esta temporada". Gainzarain deu o dato de que Abanca é un dos dous patrocinadores principais do Celta e que ten un acordo que vai ata o 2028.
Nesa mesma liña se amosou a presidenta Marián Mouriño unha vez rematou a Asemblea de Accionistas. Tamén dixo que a necesidade de vender (orzamentado en 34 millóns de euros) é algo habitual en clubs da dimensión que ten o Celta pero que agardan aumentar ingresos extraordinarios para que o peso desas vendas nun futuro próximo sexa inferior.