Vitorias do Baxi Ferrol e Ensino na estrea da Liga Feminina
Vitorias do Baxi Ferrol e Ensino na estrea da Liga Feminina
As de Lino López impuxéronse na Malata ao Araski (70-59)
O Ensino gañou na pista do Gernika por 66-74
Derrota do Celta (83-63) no desprazamento á pista do Estudiantes
Comezou a Liga Feminina de baloncesto cun balance de dúas vitorias e unha derrota para os equipos galegos. O Baxi Ferrol era o único que xogaba como local e impúxose diante do Araski por 70-59. O partido foi de dominio visitante ata o descanso (31-34). No terceiro cuarto remontou o cadro dirixido por Lino López cun parcial de 18-11, diferenza que soubo xestionar no derradeiro período. As máis destacadas foron Gala Mestres (18 puntos e 10 rebotes) e Ángela Mataix (18 puntos).
O Durán Maquinaria Ensino tamén acadou o triunfo na pista do Gernika grazas a outro gran terceiro cuarto. Ata o descanso a vantaxe era local (36-28). Pero o conxunto lugués remontou cun espectacular parcial de 10-24 co que certificou a vitoria nunha pista moi complicada. Cecilia Muhate e Lydia Giomi fóronse ata os 14 puntos e Alexandra Mollenhauer secundounas desde o lanzamento exterior (12 puntos e 3 triplas).
A única derrota da xornada foi para o Celta Femxa Zorka na cancha do Estudiantes. Malia un bo inicio de partido (20-22 no primeiro cuarto) as colexiais impuxeron a súa lei a partires do segundo cuarto. Á volta do descanso o partido quedou sentenciado cando o Estudiantes se foi por riba dos dez puntos. As boas porcentaxes no tiro exterior das locais (41% de acerto nas triplas) resultaron determinantes. Samantha Cooper (12 puntos, 9 rebotes e 4 asistencias) foi a máis destacada do Celta.