A Xunta reclámalle ao Goberno a reforma do sistema VioGén
A Xunta reclámalle ao Goberno a reforma do sistema VioGén
A conselleira de Política Social pediu no Parlamento a revisión porque presenta "fallos de extrema gravidade" que "poñen en risco a vida de moitas mulleres"
O PSdeG cualificou de "irresponsabilidade total" cuestionar o sistema de seguimento das mulleres vítimas de violencia machista
O BNG lamentan que os socialistas se "escusen na defensa do Estado" cando hai cousas que mellorar" tamén a nivel autonómico
Galicia contará en 2025 cunha lei contra a violencia dixital
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, reclamoulle ao Goberno central unha reforma do sistema VioGén, de seguimento das mulleres vítimas de violencia de xénero, porque presenta "fallos de extrema gravidade" que "poñen en risco a vida de moitas mulleres". Así o asegurou García durante a súa comparecencia este martes no pleno do Parlamento.
"Instamos, unha vez máis, e non nos imos cansar nin unha vez, a revisar o protocolo e a revisar os criterios de risco de VioGén", manifestou a conselleira, quen suxeriu ao Executivo estatal que a reforma a acometa "un equipo de carácter multidisciplinar".
Nesta petición coincidiu co BNG e co PP durante o debate. Con todo, a deputada do PSdeG Paloma Castro cualificou de "irresponsabilidade total" cuestionar o sistema VioGén e defendeu que o Goberno implantou unha nova versión o pasado 22 de outubro cun "equipo multidisciplinar".
A nacionalista Noa Presas chegou a lamentar que o Partido Socialista "se escuse na defensa do Estado" cando "hai cuestións que mellorar", tamén a nivel autonómico.
Neste sentido, a popular Raquel Arias dixo que a necesidade de cambios en VioGén é "tan clara" que así o reclamou o Senado por "unanimidade dos grupos, excepto Vox".
Orzamentos da Xunta para a violencia machista
No seu discurso de inicio da comparecencia, a conselleira de Política Social e Igualdade reivindicou que os orzamentos da Xunta para 2025 dedicarán 28,3 millóns de euros para combater a violencia machista, un 5 por cento máis que este ano. Ademais, mencionou tres eixes principais sobre os que deben xirar as políticas autonómicas: "A tolerancia cero, a resposta conxunta das administracións e da sociedade e a atención especializada ás vítimas".
Fabiola García reivindicou que Galicia conta cun dos servizos psicolóxicos a vítimas e familiares "máis completos de España", que inclúe asistencia 24 horas. A previsión é que este ano atenda máis de 1.800 mulleres, fillas e fillos. A isto súmase a apertura, dixo, "en próximas semanas" de cinco centros de crises 24 horas en Santiago, Ferrol, Lugo, Ourense e Vigo que estarán ao lado dos hospitais.
Tamén confirmou a posta en marcha do xa anunciado plan integral para os centros de información á muller, cun investimento de 6,5 millóns, un 30% máis que en 2024.
Lei de violencia dixital
A conselleira incidiu no anuncio realizado pola mañá, tamén no pleno, polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre a futura lei de violencia dixital, que será "pioneira" en España e que prestará "especial atención ás mulleres, pero tamén a outros colectivos vulnerables".
Noutra orde de asuntos, a deputada nacionalista Noa Presas tamén pediu "autoexigencia" ao Goberno galego coas súas políticas de igualdade e dixo estar "estupefacta" co anuncio da nova norma contra a violencia dixital porque a lei galega contra a violencia de xénero reformouse "en 2021 a iniciativa do BNG" para incluír, entre outras, este tipo de violencia.
A deputada socialista Paloma Castro reclamou "seguir mellorando" en políticas de igualdade e, para iso, propuxo incluír a educación afectivo sexual nos currículos de primaria e a ESO: "Non podemos deixar en mans da pornografía a educación sexual dos nosos fillos".
Pola súa banda, Raquel Arias, deputada do PP, valorou as "propostas construtivas" levadas ao Parlamento pola conselleira.
Na súa quenda de peche, a conselleira de Política Social e Igualdade criticou tanto o Bloque como o PSdeG por ser "cómplices" da aprobación da lei do só si é si, que permitiu que "máis de 1.450 agresores sexuais visen reducida a súa pena e haxa máis dun cento de excarcerados".