Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alarma entre os comerciantes de Tui pola vaga de roubos en Valença

Alarma entre os comerciantes de Tui pola vaga de roubos en Valença

Os roubos sucédense na vila lusa, con asaltos a dúas igrexas e ducias de negocios, algún pistola en man

G24.gal 19/11/2024 13:54

Preocupa en Tui a vaga de roubos que están a sufrir na localidade veciña de Valença do Miño. Nas últimas semanas, varios negocios e mesmo dúas capelas da Fortaleza foron saqueadas.

Unha céntrica pastelería foi o último dos negocios asaltados na vaga de roubos que sofre a cidade fronteiriza. Foi de noite cando os ladróns romperon varias cristaleiras e forzaron as fechaduras para levar os mais de 3.000 euros que tiñan na caixa rexistradora.

Preto de alí aínda están co susto no corpo nunha tenda de deportes en que sufriron un asalto pistola en man.

Roubos tamén en dúas capelas no interior da fortaleza, un supermercado, unha xoiería e varios negocios do centro da vila. A empregada da tenda de deportes, Mariana Correia, conta que "entraron dous, un con pistola e apuntaron cara a miña compañeira".

Preocupación dun e doutro lado da fronteira

Doutra beira do Miño, en Tui, hai meses que os ladróns saquearon varios negocios, entre outros unha farmacia e outra tenda de material de roupa de deportes. Neste caso foron moi selectivos e levaron directamente o que lles interesaba. Conta a encargada que "sobre todo equipamentos deportivos de marcas caras, todo o de Real Madrid, Celta, e Barça, e roupa de marca de elevados prezos. As cousas mais económicas estaban todas practicamente no sitio". 

Dende a Asociación de Comerciantes de Tui fan unha chamada a estar alerta e extremar as precaucións. O presidente, Iván Carral, di que "con estes acontecementos recentes en Valença do Miño, Ponte de Lima e demais, en que houbo atracos pistola en man, a verdade é que o asunto preocupa, e pedimos a todo o comercio local que extreme as precaucións para que non pase aquí". 

Tanto a Garda Civil como a Garda Republicana portuguesa investigan se os roubos foron practicados pola mesmas persoas, xa que o 'modus operandi' foi moi similar en todos os casos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade