Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece Celeste Caeiro, a muller que cos seus caraveis deu nome á revolución portuguesa

Falece Celeste Caeiro, a muller que cos seus caraveis deu nome á revolución portuguesa

Faleceu este venres aos 91 anos, segundo confirmou a súa neta nas redes sociais

En 2024 cumpríronse 50 anos da Revolución dos Caraveis

Celeste Caeiro coa súa neta Carolina / Carolina C. Fontela Celeste Caeiro coa súa neta Carolina / Carolina C. Fontela
G24.gal 15/11/2024 18:47 Última actualización 15/11/2024 19:24

Este venres, faleceu aos 91 anos Celeste Caeiro, a muller que con tan só cuns caraveis deu nome á revolución que acabou coa ditadura de Salazar en Portugal. O falecemento foi comunicado pola súa neta Carolina, vía redes sociais.

De raíces galegas, a Celeste de 41 anos traballaba no roupeiro dun restaurante situado no centro de Lisboa, o Sifire, cando un 25 de abril todo un pobo se ergueu contra un réxime.

Segundo conta ela mesma nunha entrevista realizada por EFE en 2014, os donos do restaurante ían celebrar o aniversario do local ese mesmo 25 de abril de 1974. Caeiro comprara unhas flores para festexar o acontecemento, pero cando chegou ao traballo atopouse coa porta pechada. O xerente informou todos os empregados de que non ían abrir porque estaba tendo lugar unha revolución. 

Aconselloulles que levaran as flores para os seus fogares e que así non se estragaran. Pola súa parte, Caeiro decidiu non marchar directamente para a casa e ir investigar o acontecemento, levando con ela varios caraveis vermellos e brancos baixo o brazo.

Chegou en metro ata a praza do Rossio en Lisboa, onde se atopaban os tanques dos sublevados agardando instrucións dos seus superiores. Preguntoulle a un soldado que estaba pasando e el respondeu que se dirixían ao cuartel do Carmo, onde se atopaba Marcello Caetano, presidente e herdeiro do réxime de Salazar. 

Eran preto das nove da mañá e o soldado, que xa levaba unhas horas de garda, pediulle un cigarro a Celeste. Como ela non fumaba, pero sentíase mal por non poder axudar o militar, ofreceulle un dos caraveis que levaba con ela. 

"Collín un caravel, vermello, e el aceptouno. Como son así tan pequeniña e el estaba encima do tanque, tivo que estirar o brazo, agarrou o caravel e colocouno no seu fusil", contou ela mesma en entrevista a EFE.

Inmediatamente, o resto de soldados imitaron o seu compañeiro e pedíronlle a Celeste un deses caraveis, vermellos e brancos, que levaba debaixo do brazo, ata repartilos todos.

Ela, militante do Partido Comunista, non esperaba que con ese simple xesto ía pasar aos libros de Historia. Menos se esperaba que, horas máis tarde desa pequena pero grande anécdota, varias floristas insistisen en que a ninguén lle faltase un caravel, contribuíndo a convertelos nunha icona de liberdade.

Celeste e os seus caraveis pasaron a ser un símbolo de Portugal e da loita do pobo en todo o mundo.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade