A UE, preocupada polo aumento do consumo de antibióticos entre os anos 2019 e 2023
A UE, preocupada polo aumento do consumo de antibióticos entre os anos 2019 e 2023
O consumo, que ía en descenso, volveu aumentar durante a pandemia, e cífrase no 1 %
A Unión Europea marcou un obxectivo para o 2030, reducir o uso de antimicrobianos nun 20 %, pero a realidade dista bastante. Segundo os últimos datos publicados, aumentou o consumo un 1 %.
"Son datos que dalgunha maneira agardabamos, pero entendemos que con vistas á divulgación temos que poñelos en cursiva", apunta María Luisa Pérez del Molino, xefa do servizo de Microbioloxía do CHUS.
En cursiva porque o uso de antimicrobianos aumentou a nivel mundial durante a pandemia e rompeu a tendencia á baixa que se estaba experimentando.
"Eu creo que o dato real a partir do 20, 24 eu espero que vexamos esa diminución, esa tendencia á diminución que xa tiñamos", continúa.
"Na farmacia non temos datos estatísticos, pero o que apreciamos no día a día non notamos que haxa un incremento do consumo, si que o houbo na pandemia, pospandemia", apunta María José García, titular de Farmacia.
Hai moito traballo feito de concienciación sobre o mal uso dos antibióticos que xa está calando na sociedade, pero as recomendacións nunca sobran.
"Non tomedes antibióticos se non están ben prescritos por un médico e, xa digo, non teñades antibióticos na casa porque non debe haber antibióticos fóra do uso no momento adecuado dunha infección", aconsella a médica.
"Entre todos tratar de que todo se faga o mellor posible que non se usen cando non se debe, pero cando hai que tomalos hai que finalizar o tratamento independentemente de que os síntomas remitiran", insiste a farmacéutica.
O abuso destes fármacos provoca a aparición de bacterias moi resistentes, un problema grave para a atención sanitaria.