Publicador de contidos
Publicador de contidos

Reparan un petroleiro con 150.000 litros de gasóleo fronte á costa portuguesa próxima a Galicia

Reparan un petroleiro con 150.000 litros de gasóleo fronte á costa portuguesa próxima a Galicia

A Autoridade Marítima portuguesa asegura que non existe risco e agardan que cara á fin de semana poida continuar coa súa ruta unha vez estea solucionada a avaría

G24.gal 05/11/2024 12:23

Un petroleiro con máis de 150.000 litros de combustible está avariado a uns 50 quilómetros da costa de Galicia. Trátase do Nissos Rhenia, un barco con bandeira das Illas Marhsall e 330 metros de eslora. Unha avaría na máquina deixouno sen propulsión, hai agora unha semana, fronte á costa de Viana do Castelo.

A Autoridade Marítima portuguesa asegura que non existe risco ningún e que o buque está a ser xa reparado. A operación é complexa, porque se está a realizar en mar aberto. O buque está a ser remolcado para mantelo afastado da costa ata que a avaría sexa reparada e poida retomar a viaxe. 

Unha fonte da Mariña lusa precisou este martes á axencia EFE que esperan que o buque, con 28 tripulantes a bordo, poida proseguir esta fin de semana, xa reparado, co súa ruta.

A Mariña e a Autoridade Marítima Nacional portuguesas explicaron nun comunicado que a reparación comezou o pasado xoves, tras ser alertados o martes da presenza dun navío petroleiro sen propulsión.

Cando acudiron ao lugar, remolcárono ata unha distancia segura, superior ás 24 millas náuticas da costa de Viana do Castelo (norte de Portugal), e activaron os equipos da Dirección de Combate á Contaminación do Mar.

"O remolque iniciouse o 30 de outubro, ás 18 horas, de forma segura e con total control da situación", precisaron.

Na reparación traballa agora un equipo de técnicos que embarcaron na embarcación.

En paralelo, tamén monitorizan a navegación na área e preservan a seguridade de todos os navíos nas proximidades, aseguraron.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade