Rueda lamenta a decisión de Sánchez de priorizar o AVE Lisboa-Madrid fronte ao O Porto-Vigo
Rueda lamenta a decisión de Sánchez de priorizar o AVE Lisboa-Madrid fronte ao O Porto-Vigo
O presidente da Xunta comprométese a seguir impulsando a conexión entre Portugal e Galicia, que tamén prioriza o Goberno luso
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, comprométese a impulsar a alta velocidade Vigo-O Porto co Goberno luso logo de que Pedro Sánchez lle dera prioridade a conexión de Lisboa coa meseta sobre o enlace con Galicia.
O presidente da Xunta lamenta que o Goberno poña por diante o AVE Madrid-Lisboa, que ten previsto para 2030, dous anos antes que a conexión de Vigo con Portugal.
"Non temos absolutamente nada en contra de que se faga a conexión por outras comunidades, pero non queremos que sexa en detrimento de Galicia. Cando é unha conexión entre dous países e o outro país di que prefire a conexión que nos favorece a nós, é difícil entender que o presidente do noso propio país se empeñe noutra alternativa", asegurou Rueda.
Caballero discrepa de Pedro Sánchez e di que falará con el para priorizar a conexión galega
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves que vai volver falar co ministro de Transportes, Óscar Puente, e co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, para poñer sobre a mesa a necesidade de que a alta velocidade ferroviaria entre Portugal e Galicia estea a funcionar no ano 2030.
Caballero non comparte a prioridade expresada onte por Pedro Sánchez, que tampouco comparte o Goberno luso. "Vigo comparte esa prioridade, compartimos a prioridade de facer Lisboa-O Porto-Vigo-Madrid", dixo Caballero, segundo o cal se trata dunha "demanda irrenunciable" da cidade.
"O Goberno de España dá a data do ano 2032, parece que está acordada co Goberno de Portugal, pero nós desde aquí queremos expor que primeiro, para Vigo e para o seu goberno, a gran prioridade é Lisboa-O Porto-Vigo-Madrid; e segundo, nas datas máis próximas posibles", engadiu.