Publicador de contidos
Publicador de contidos

Persoas con discapacidade de toda Galicia demandan un transporte accesible e adaptado

Persoas con discapacidade de toda Galicia demandan un transporte accesible e adaptado

Cogami e as súas entidades celebraron concentracións na Coruña, Arzúa, As Pontes, Lugo, Monforte, Muros, Noia, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Santiago, Val do Dubra e Vigo

Esixen que as estacións e vehículos cumpran coas normas de accesibilidade para poder realizar as súas actividades cotiás sen barreiras

Concentración de Cogami en Santiago para denunciar a falta de accesibilidade no transporte (Europa Press) Concentración de Cogami en Santiago para denunciar a falta de accesibilidade no transporte (Europa Press)
G24.gal 22/10/2024 16:31

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (Cogami), en colaboración coas súas entidades membro celebrou este martes unha concentración en Santiago para denunciar a falta de transporte adaptado. Tamén houbo concentracións noutras doce localidades galegas

Baixo o lema "Teletransporte contra a discriminación", o obxectivo principal da campaña é esixir que "ata que o teletransporte sexa viable, polo menos que os transportes habituais cumpran as leis de accesibilidade".

Deste xeito, representantes e usurarios das entidades convocadas leron un manifesto no que reivindicaron o seu "dereito á mobilidade", así como a poder coller un autobús "sen barreiras" para realizar actividades "tan cotiás como ir ao supermercado ou ao médico".

"As persoas con discapacidade non debemos ser excluídas nin privadas dos nosos dereitos á autonomía, á saúde, á educación nin tampouco ao emprego por falta de accesibilidade do transporte", aseverou o coordinador da área de Accesibilidade de Cogami, Álvaro García.

Concentrados nunha das paradas de autobús de Compostela, concretamente na Avenida Mestre Mateo, fixeron fincapé en que ata que o teletransporte "sexa viable como en Star Trek", o que necesitan é que tanto o transporte urbano como o interurbano "cumpran coas leis e deixen de ser discriminatorios".

Demandas

Neste sentido, incluíron ás súas demandas a dispoñibilidade de puntos de recarga e subministración eléctrica para dispositivos médicos "esenciais" como os equipos de osíxeno líquido, "fundamentais para persoas con discapacidade orgánica que requiren apoio respiratorio".

"Tamén é importante que o persoal dos medios de transporte estea formado, que coñeza como poder asistir ás persoas con discapacidade, asegurando que teñan un trato digno e adaptado ás súas necesidades", reclamou Olalla, outra das persoas concentradas en Santiago.

Neste sentido, Cogami lembrou que o que queren é que "todas as estacións, terminais e vehículos de transporte cumpran coas normas de accesibilidade".

Desde ramplas, ata ascensores, plataformas elevadoras, aseos, espazos para varias persoas usuarias de cadeiras de rodas, entre outras demandas. É dicir, que a accesibilidade estea presente "desde a compra do billete ata o uso dos servizos básicos".

Concentracións simultáneas

Por outra banda, a concentración deste martes foi simultánea e desenvolveuse en diversas localidades galegas para dar visibilidade a esta problemática. A Coruña, Arzúa, As Pontes, Lugo, Monforte, Muros, Noia, Ourense, Ponteareas, Pontevedra, Val do Dubra e Vigo son os lugares nos que se levou a cabo esta acción co obxectivo de que "axude a impulsar cambios efectivos que garantan o acceso universal ao transporte público para as persoas con discapacidade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade