Publicador de contidos
Publicador de contidos

Portugal activa unha orde de detención internacional tras a fuga de cinco presos perigosos

Portugal activa unha orde de detención internacional tras a fuga de cinco presos perigosos

Protagonizaron o sábado unha fuga de película nun cárcere situado a 70 quilómetros ao norte de Lisboa

Contaron coa axuda do exterior, desde onde lles proporcionaron unha escada para subir por dous muros e agardaron por eles con dous coches para escapar

Captura da cámara de seguridade da prisión de Vale de Judeus da fuga/SNCGP/FB
G24.gal 08/09/2024 18:42

O sindicato da garda de prisións de Portugal difundiu a imaxe dos cinco reclusos que fuxiron da prisión de Vale de Judeus, a uns 70 quilómetros ao norte de Lisboa. Cumprían penas de 7 a 25 anos de cárcere e protagonizaron unha fuga de película.

Sobre cato deles pesan delitos de asasinato en Portugal e noutros países, e dous estaban condenados á pena máxima de 25 anos.  Aproveitaron a hora das visitas o sábado, cando os gardas están máis ocupados para a escapada. En primeiro lugar saltaron un muro de dous metros desde un patio e despois cunha escada que lles facilitaron desde fóra, outra parede de seis.

Recolléronos en dous turismos de gran cilindrada e non se sabe nada deles.

Orde internacional de detención

As autoridades portuguesas comunicaron este domingo que activaron unha alerta internacional para a procura e captura dos cinco reclusos que fuxiron este sábado e avisaron a poboación do seu perigo: "Farán todo por seguir en liberdade". 

Na busca están implicadas as autoridades do espazo Schengen europeo, Interpol e Europol, entre elas as forzas de seguridade españolas.

Polo momento desbotouse o peche total das fronteiras alegando que "non é proporcional nin axeitado". Sinalou tamén que esta investigación é "complexa" e pode non dar resultados "inmediatos".

Os presos son dous portugueses, un arxentino, un británico e un xeorxiano con penas de entre 7 e 25 anos.

Os fuxitivos son Fernando Ribeiro Ferreira (de 61 anos de idade), Rodolfo José Lohrmann (59), Mark Cameron Roscaleer (39), Fábio Fernandes Santos Loureiro (40) e Shergili Farjiani (33). As autoridades portuguesas aseguran que son persoas "perigosas e de carácter violento" e que farán o que sexa por seguir en liberdade, mesmo poñer en risco vidas.

Pedíronlle á poboación que se absteña de intentar interactuar con eles ou intentar retelos, e que se os localizan chamen á policía canto antes.

Aseguran que a fuga consistiu nunha operación complexa de crime organizado con capacidade financeira, con todo asegurado ao mínimo detalle. O director portugués de prisións asegura que houbo un erro de seguridade na prisión que se está a investigar.

A prisión de Val de Judeus acolle no interior na súa maioría reclusos con penas de longa duración, cun número significativo de estranxeiros, entre eles.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade