Á hora de mercar un coche de segunda man, a DXT aconsella revisar con detalle o vehículo
Á hora de mercar un coche de segunda man, a DXT aconsella revisar con detalle o vehículo
Para comprobar a quilometraxe real do coche ou calquera outro dato relevante, a Dirección Xeral de Tráfico ofrece ata sete tipos diferentes de informes á cidadanía
Pode ser unha venda en concesionario, en servizos de compravenda ou entre particulares.
Á hora de mercar un vehículo de ocasión, aconsellan: "sobre todo en coches de máis de 10 anos ou de máis de 150.000 quilómetros recomendamos que a xente o mire máis con lupa", sinala Juan Casal, responsable de vehículos de ocasión de Marineda Motor.
A propia DXT incide en que se debe realizar unha revisión ao coche prestando atención aos pequenos detalles.
"Por exemplo, nos parafusos hai que comprobar que non teñan marcas de ferramentas. Se é así podemos dicir que a defensa do coche non se manipulou nin se desmontou".
De igual xeito hai que fixarse no estado de portas, luces, cristais ou pneumáticos.
"Se as rodas están máis gastadas polo interior que polo exterior pode indicar tamén un problema na suspensión e iso sería bo verificalo".
Tampouco se pode descoidar o estado dos interiores:
"Sobre todo o volante, plásticos, pantallas, pomos. É importante que o teñamos en conta porque así veremos o tipo de trato que tivo o coche nos últimos anos".
Para comprobar a quilometraxe real do coche ou calquera outro dato relevante, a Dirección Xeral de Tráfico ofrece ata sete tipos diferentes de informes á cidadanía. Abonda con solicitalos. "Sempre que conste na DXT vaille aparecer no informe", sentencia o responsable de vehículos de ocasión de Marineda Motor.
Segundo os últimos datos referidos polo sector, en España en 2023 vendéronse dous millóns de vehículos de ocasión. De media, a súa idade supera os 11 anos.