Publicador de contidos
Publicador de contidos

A misión Blue Ghost xa viaxa cara á Lúa para preparar o regreso humano

A misión Blue Ghost xa viaxa cara á Lúa para preparar o regreso humano

Segundo a NASA, os datos recompilados proporcionarán información esencial para futuras misións tripuladas e non tripuladas e mellorarán a comprensión da contorna lunar e facilitarán o desenvolvemento de tecnoloxías para a exploración espacial

G24.gal 15/01/2025 08:51 Última actualización 15/01/2025 12:24

A NASA e as empresas Firefly Aerospace e SpaceX lanzaron este mércores desde Florida a misión Blue Ghost 1, que está previsto que chegue en 45 días á Lúa para explorala a través de dez instrumentos como parte do programa Artemis para establecer unha presenza humana permanente no satélite a finais da década.

Os módulos de aterraxe de Firefly Aerospace, unha empresa aeroespacial de Texas, e o xaponés de Resiliencie, ambos os dous a bordo dun foguete Falcon 9 de SpaceX, engalaron sen problemas ás 01:11 hora local (06:11 GMT), como estaba programado, desde o Centro Espacial Kennedy.

A misión, que terá unha duración aproximada de 60 días, incluído o tránsito cara á Lúa e as operacións na superficie lunar, forma parte do programa Servizos Comerciais de Carga Lunar (CLPS, en inglés) da NASA.

Esta iniciativa busca asociarse con empresas privadas para facilitar o envío de ferramentas científicas e tecnolóxicas en apoio ao programa Artemis.

As cargas útiles desta misión inclúen instrumentos deseñados para estudar as propiedades do manto lunar, os fragmentos de materiais depositados sobre a rocha sólida, as características xeofísicas e a interacción entre o vento solar e a magnetosfera terrestre.

Segundo a NASA, os datos recompilados proporcionarán información esencial para futuras misións tripuladas e non tripuladas, mellorarán a comprensión da contorna lunar e facilitarán o desenvolvemento de tecnoloxías para a exploración espacial.

As investigacións científicas neste voo teñen como obxectivo probar e demostrar a tecnoloxía de perforación do subsolo lunar, as capacidades de recolección de mostras de solo, as posibilidades do sistema global de navegación por satélite, a computación tolerante á radiación e os métodos de mitigación do po lunar.

Os datos capturados poderían beneficiar os humanos na Terra ao proporcionar información sobre como o clima espacial e outras forzas cósmicas afectan ao planeta.

Os instrumentos

Entre os instrumentos están o Regolith Adherence Characterization (RAC), que avaliará como o po lunar se adhire a diferentes materiais, información crucial para o deseño de futuros equipos e traxes espaciais.

Tamén irá a bordo o Lunar Environment Heliospheric X-ray Imager (LEXI), que capturará imaxes da interacción entre a magnetosfera terrestre e o vento solar, proporcionando datos valiosos sobre o clima espacial, e o Lunar Magnetotelluric Sounder (LMS), que caracterizará a estrutura e composición do manto lunar mediante o estudo de campos eléctricos e magnéticos, axudando a comprender a evolución térmica da Lúa.

Outros instrumentos son o Lunar Instrumentation for Subsurface Thermal Exploration with Rapidity (LISTER), encargado de medir o fluxo de calor desde o interior da Lúa e proporcionar información sobre a súa estrutura térmica.

Ademais, o Lunar GNSS Receiver Experiment (LuGRE) demostrará a capacidade de utilizar sinais de sistemas de navegación por satélite, como GPS e Galileo, na lúa, o cal podería mellorar a navegación lunar en futuras misións. 

O módulo xaponés

Xunto á citada misión Blue Ghost 1, a bordo do Falcon 9 lanzado este mércores ía tamén o módulo de aterraxe lunar Resilience, da compañía xaponesa Ispace, unha das firmas emerxentes que quere dar un novo impulso á industria aeroespacial do país asiático.

Trátase da segunda misión lunar do programa Hakuto-R coa que a compañía nipoa busca realizar unha aluaxe suave e despregar o vehículo Tenacious para a exploración da superficie e a recollida de datos na lúa.

En abril de 2023, a primeira misión lunar de Ispace, cuxo obxectivo era tamén realizar unha aterraxe suave na lúa, non puido ser completada.

Resilience inclúe outras cargas útiles científicas e culturais como un dispositivo de electrolise de auga lunar, un módulo para a produción de alimentos na lúa e unha sonda de radiación no espazo profundo.

Ademais leva un disco de memoria da UNESCO que preserva a diversidade lingüística e cultural da humanidade, unha placa de aliaxe conmemorativa desenvolvida polo editor de videoxogos e fabricante de xoguetes Bandai Namco e unha "casa lunar", un modelo de casa do artista sueco Mikael Genberg.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar