Publicador de contidos
Publicador de contidos

As autoridades deteñen o presidente surcoreano Yoon Suk-yeol por insurrección ao declarar a lei marcial

As autoridades deteñen o presidente surcoreano Yoon Suk-yeol por insurrección ao declarar a lei marcial

Pouco antes da detención, o equipo legal do mandatario distribuíra un comunicado sinalando que Yoon decidira comparecer voluntariamente ante os previsibles choques do seu servizo de seguridade e as autoridades

O mandatario foi trasladado desde a súa residencia en Yongsan, no centro de Seúl, ata a sede da CIO en Gwacheon, no sur, nun convoi para ser interrogado, pero "está a se negar a declarar"

G24.gal 15/01/2025 08:11

As autoridades surcoreanas lograron consumar este mércores a detención do destituído presidente surcoreano Yoon Suk-yeol, tras o seu prolongado intento de acceder á súa residencia e despois de que o mandatario aceptase comparecer ante a oficina anticorrupción que o investiga.

A orde de arresto de Yoon executouse ás 10:33 hora local (01:33 GMT), sinalaron na Oficina para os Casos de Corrupción de Altos Funcionarios (CIO), segundo informou a axencia surcoreana de noticias Yonhap. A CIO é un dos entes que, xunto á policía e outras axencias estatais, están a investigar o presidente pola súa fugaz declaración da lei marcial o pasado decembro, que se desprazou hoxe de madrugada ata o lugar para un segundo intento de arresto, tras outro errado a principios de mes.

Yoon foi visto pouco despois do anuncio entrando na sede da CIO para ser interrogado, mentres se retransmitía unha mensaxe gravada en vídeo previamente desde a súa residencia en Yongsan, no centro de Seúl, no que declarou que decidira comparecer ante as autoridades a pesar da súa "investigación ilegal" para evitar un potencial "derramamento de sangue". O mandatario dixo que considera que as dilixencias abertas na súa contra son "ilegais e inválidas" e engadiu: "O Estado de dereito derrubouse por completo neste país". Á vez, desexou que ningún cidadán surcoreano teña que soportar xamais tales inxustizas ao tratar con casos penais no futuro.

É a primeira vez que un presidente surcoreano é arrestado estando no cargo, aínda que Yoon foi desposuído das súas funcións nunha moción aprobada polo Parlamento o pasado 14 de decembro.

Pouco antes da detención, o equipo legal do mandatario distribuíra un comunicado sinalando que Yoon decidira comparecer voluntariamente ante os previsibles choques do seu servizo de seguridade e as autoridades, e os informes de feridos entre os manifestantes congregados ás portas da súa residencia, a favor e en contra da súa detención.

As autoridades desprazáronse sobre as 05:20 hora local (20:20 GMT do martes) ata a residencia de Yoon para tentar proceder co arresto, pero os seus primeiros intentos foron bloqueados pola cadea humana formada polos servizos de seguridade presidencial e as liñas de vehículos que colocaron ao redor do recinto. Varias horas máis tarde, os investigadores lograron acceder usando escaleiras e estiveran negociando con representantes do deposto presidente para executar a orde.

Yoon é investigado pola oficina anticorrupción, a policía e o Ministerio de Defensa por un suposto delito de insurrección ligado á súa declaración da lei marcial o mes pasado, o único ao que non é inmune un presidente surcoreano.

A policía, que despregou uns 3.000 efectivos para o dispositivo de hoxe, acordoou a zona mentres emitía sucesivas mensaxes por megafonía en que advertía aos que impedisen a execución do arresto que poderían ser detidos por obstrución da lei. Uns 6.500 partidarios de Yoon congregáronse tamén arredor do recinto, mentres unha trintena de parlamentarios do gobernante Partido do Poder Popular (PPP) se desprazaron aos arredores da residencia presidencial para protestar contra a orde.

Yoon permanecía escondido na súa residencia desde que a Asemblea Nacional o destituíu a mediados de decembro. Ao tempo da investigación penal pola que foi arrestado, o Tribunal Constitucional abriu un procedemento que determinará se a inhabilitación de Yoon é definitiva ou se pola contra é restituído no cargo.

Négase a declarar

O mandatario foi trasladado desde a súa residencia en Yongsan, no centro de Seúl, ata a sede da CIO en Gwacheon, no sur, nun convoi para ser interrogado, pero "está a se negar a declarar", segundo informou un funcionario do citado ente en declaracións recollidas pola axencia de noticias Yonhap.

O subdirector da CIO, Le Jae-seung, realizou as dúas primeiras horas e media de interrogatorio, sen resultados. A oficina anticorrupción ten 48 horas para interrogar a Yoon e pode solicitar unha orde para prolongar a detención. A CIO é un dos entes que, xunto á policía e outras axencias estatais, están a investigar o presidente pola súa fugaz declaración da lei marcial o pasado 3 de decembro.

Pouco antes da detención, os avogados de Yoon distribuíron un comunicado en que sinalaban que decidira comparecer voluntariamente ante os previsibles choques do seu servizo de seguridade e as autoridades, e os informes de feridos entre os manifestantes defensores e detractores congregados ás portas da súa residencia. Está previsto que o aínda presidente permaneza no Centro de Detención de Seúl, en Uiwang, preto da sede da CIO.

Ao tempo da investigación penal pola que foi arrestado hoxe, o Tribunal Constitucional abriu un procedemento que determinará se a inhabilitación de Yoon é definitiva ou se pola contra é restituído no cargo.

Está previsto que os seus avogados dean unha conferencia de prensa nas próximas horas en que se coñecerían máis detalles respecto diso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade