Publicador de contidos
Publicador de contidos

Biden retira a Cuba da lista de países que promoven o terrorismo

Biden retira a Cuba da lista de países que promoven o terrorismo

Trump foi quen incluíu á illa na lista durante o seu primeiro mandato

A decisión, a menos dunha semana de abandonar a Casa Branca, propiciará a liberación de varios presos cubanos

Reuters Reuters
G24.gal 14/01/2025 21:12 Última actualización 14/01/2025 21:32

O presidente dos Estados Unidos, Joe Biden, retirou este martes a Cuba da lista de países que promoven o terrorismo, a menos dunha semana de ser remudado por Donald Trump, quen no seu primeiro mandato colocou á illa nesa listaxe que conleva severas sancións.

Biden tomou esta decisión para propiciar a liberación proximamente de varios presos cubanos como parte dun proceso que conta coa mediación do Vaticano, segundo informaron á prensa altos cargos da Administración estadounidense.

O mandatario saínte suspendeu tamén a capacidade dos cidadáns estadounidenses de demandar en tribunais dos Estados Unidos a expropiación das súas propiedades en Cuba e levantou algunhas sancións financeiras.

Como resultado destas accións, a Casa Branca anticipou que "en relativamente pouco tempo" producirase a liberación dun número "significativo" de presos en Cuba, incluídas persoas que participaron nas protestas do 11 de xullo de 2021.

Fontes da Administración de Biden explicaron que recibiron nos últimos anos peticións de varios socios, como a Unión Europea, España, O Brasil, Colombia, Chile e O Canadá, para retirar a Cuba da lista de países que promoven o terrorismo.

A inclusión de Cuba na listaxe en xaneiro de 2021 foi unha das últimas decisións que tomou o republicano Donald Trump antes de deixar o poder no seu primeiro mandato. Os Estados Unidos xustificaron entón a medida aludindo á presenza na illa de membros da guerrilla colombiana do Exército de Liberación Nacional, que viaxaron á Habana para iniciar negociacións de paz co Goberno de Colombia.

Esa designación implica a prohibición de venda de armas con ese país, un maior control ás súas exportacións, restricións na axuda exterior, maiores requisitos para os visados e diversas sancións económicas. Cuba formara parte da lista desde 1982 pero saíu en 2015, durante a etapa de achegamento impulsada polo entón presidente estadounidense Barack Obama (2009-2017) e freada por Trump, que durante o seu mandato redobrou as sancións sobre A Habana e freou o "desxeo".

A Administración saínte de Biden fixo algúns xestos cara á illa, como a eliminación do límite de remesas para Cuba, pero mantivera ata o de agora a Cuba nesa listaxe. O presidente cubano, Miguel Días-Canel, esixiu en reiteradas ocasións a Washington que sacase ao seu país da lista, cuxa inclusión considera inxustificada e ten serias implicacións económicas para a illa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade