A plataforma de vítimas do Alvia impugna os recursos contra a sentenza
A plataforma de vítimas do Alvia impugna os recursos contra a sentenza
Entenden que con eles a Avogacía do Estado e o Adif "piden un segundo xuízo”
A plataforma de vítimas do Alvia confirmou este martes que impugna os recursos de apelación contra a sentenza polo accidente de tren ocorrido en 2013 en Santiago de Compostela ao entender que con eles a Avogacía do Estado e Adif "piden un segundo xuízo”.
Nun comunicado, critican que despois de dez anos “por fin houbo unha sentenza que dinamitou a verdade oficial” e se condenou o que era director de Seguridade na Circulación de Adif, Andrés Cortabitarte, e o maquinista nunha sentenza que as vítimas vían xusta.
“Por fin tiñamos unha sentenza que reparaba en parte as vítimas, pero que ao seu entender, agora queren botar por terra cos recursos co que “o que se pretende con isto é seguir atrasando e entorpecendo que se faga xustiza”, reprochan as vítimas.
Así, denuncian a actitude do ministro de Transportes, Óscar Puente, que “non só se nega a recibirnos e a levar a cabo a investigación independente, senón que ademais permite que o Adif siga actuando desta forma", do mesmo xeito que do ministro de Presidencia e Justica, Félix Bolaños, que "permite que a Avogacía do Estado siga xerándonos máis dor e sufrimento.
O ano pasado, once anos despois do descarrilamento do Alvia que custou a vida a 79 persoas, a xustiza sentenciou o maquinista do tren, Francisco José Garzón, e o director de Seguridade na Circulación do ADIF no momento de posta en funcionamento da liña Santiago-Ourense, Andrés Cortabitarte.
Na sentenza, asinada pola xuíza María Elena Fernández Currás, ambos foron condenados a dous anos e medio de prisión pola comisión de 79 delitos de homicidio e 143 de lesións por imprudencia grave. Ademais, foron inhabilitados para o exercicio das súas profesións durante catro anos e medio.
A principios de decembro de 2024, a maxistrada do Xulgado do Penal número 2 de Santiago de Compostela admitiu a trámite os 60 recursos interpostos contra a sentenza ditada medio ano antes.