O xulgado admite a trámite os 60 recursos presentados contra a sentenza do Alvia
O xulgado admite a trámite os 60 recursos presentados contra a sentenza do Alvia
Dos 60 recursos de apelación, sinala o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na información trasladada á prensa, a maioría -52- foron presentados polos representantes das vítimas ou dos seus familiares, case todos en relación á parte civil da sentenza
Na providencia, a titular do Xulgado do Penal número dous de Compostela concede ás partes un prazo de trinta días hábiles para contestar os recursos que lles interesen, os cales serán resoltos pola sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede na capital galega
A maxistrada do Xulgado do Penal número dous de Santiago emitiu este martes unha providencia na que admitiu a trámite os 60 recursos interpostos contra a sentenza sobre o accidente do Alvia que ditou o pasado 26 de xullo.
Nese ditame condenou a dous anos e seis meses de cárcere a Francisco José Garzón Amo, maquinista do tren que descarrilou na curva de Angrois o 24 de xullo de 2013, e a Andrés Cortabitarte, director de Seguridade na Circulación do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) no momento da posta en funcionamento da liña.
A ambos os castigou pola comisión de 79 delitos de homicidio e 143 delitos de lesións por imprudencia grave. Ademais, inhabilitounos para o exercicio das súas profesións durante catro anos e medio; e impúxolles o pago dunha indemnización de máis de 25 millóns de euros ás vítimas, con responsabilidade civil directa das entidades QBE e Allianz Global, aseguradoras, respectivamente, de Renfe Operadora e ADIF.
Dos 60 recursos de apelación, sinala o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na información trasladada á prensa, a maioría -52- foron presentados polos representantes das vítimas ou dos seus familiares, case todos en relación á parte civil da sentenza. Pero tamén interpuxo recurso contra o fallo a Asociación de Prexudicados polo Accidente Ferroviario do Alvia de Santiago de Compostela (APAFAS), así como o Ministerio Fiscal, ADIF, Renfe, as dúas entidades aseguradoras -Allianz Global e QBE- e os dous condenados.
Na providencia, a titular do xulgado do penal número dous de Compostela concede ás partes un prazo de trinta días hábiles para contestar os recursos que lles interesen, os cales serán resoltos pola sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, con sede na capital galega.