Os veciños dun edificio de Santiago denuncian a existencia dun piso que funciona como narcovivenda
Varias asociacións veciñais máis de Compostela uníronse para demandar a creación dun plan de prevención de adiccións
![](https://www.g24.gal/prog24/2025/20250207/NARCOPISOSANTIAGO.png)
Os veciños dun edificio de Santiago denuncian a existencia dun piso que funciona como narcovivenda e polo que padecen ameazas, estragos, ruídos e pelexas.
Segundo din, o continuo ir e vir de persoas que acoden a mercar a súa dose de droga acabou coa súa tranquilidade e comentan que viven nun auténtico desacougo.
Para tratar buscar unha solución ao crecente problema de venda e consumo de drogas que sofre este barrio compostelán, varias asociacións veciñais máis de Compostela uníronse para demandar a creación dun Plan de Prevención de Adiccións, as cales poñen de manifesto que a distribución de heroína que se fai dende este narcopiso está a causar unha grande alarma de inseguridade debido a que "os toxicómanos se pican na rúa, nos portais, no parque do barrio e tamén nas escaleiras de acceso ao aparcadoiro da Praza Roxa".
Desde o punto de vista destes veciños, o traballo policial é ineficiente, xa que, segundo afirman, "as intervencións limítanse á identificación de toxicómanos e a operacións puntuais de aprehensión de cocaína, mentres os puntos de venda de droga se dispersan aos poucos polos diferentes barrios da cidade, á vez que aumenta o consumo".