Publicador de contidos
Publicador de contidos

Detidas 23 persoas que empregaban un karaoke para o tráfico de drogas e a prostitución

Detidas 23 persoas que empregaban un karaoke para o tráfico de drogas e a prostitución

Os efectivos policiais incautáronse de 80 gramos de ketamina, cinco gramos de éxtase, oito de tusi e 63 sobres de auga de Deus

A auga de Deus é un potente desinhibidor sexual que ten como principal composto a éxtase líquida ou GHB e o seu prezo por dose é de preto de 300 euros

As drogas comisadas polos axentes/Policía Nacional As drogas comisadas polos axentes/Policía Nacional
G24.gal 03/02/2025 11:11

A Policía Nacional detivo 23 persoas, de nacionalidade chinesa, por presuntamente empregar un karaoke de Parla, en Madrid, como prostíbulo e punto de venda de drogas. Na operación interveuse ketamina, éxtase, tusi e auga de Deus, un desinhibidor sexual.

Segundo informou a Xefatura Superior da Policía de Madrid, os responsables do local alugaban salas dedicadas a estas dúas actividades delituosas, aínda que polo momento non se lles atribúe a suposta autoría de delitos de tráfico de persoas.

Así e todo, a operación non está relacionada coa recente desarticulación dunha organización criminal chinesa, a máis importante de Europa, que vendía mulleres en España para ser explotadas sexualmente. Nesta operación tamén se incautou auga de Deus, e utilizaban karaokes co mesmo fin que esta rede.

A auga de Deus ten como principal composto a éxtase líquida ou GHB e o seu prezo por dose é de preto de 300 euros. Trátase dun potente desinhibidor sexual. 

No caso de Parla, o negocio consistía no alugueiro de salas para festas privadas en que se lle ofrecía aos clientes unha variedade de drogas que podían comprar ao persoal do establecemento. Tamén tiñan a posibilidade de acceder a unha sala privada con mulleres que exercían a prostitución.

A inspección do local realizouse o pasado 26 de xaneiro e os efectivos policiais incautáronse de 80 gramos de ketamina, cinco gramos de éxtase, oito de tusi e 63 sobres de auga de Deus. As 23 persoas detidas, de nacionalidade chinesa, son presuntas responsables de delitos contra a saúde pública e infraccións da lei de estranxeiría. Un deles posúe unha orde de detención e extradición europea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade