A Xunta avalía coa Universidade a descentralización de cuarto e quinto de Medicina
"É un proceso que está a dar os primeiros pasos", manifestou o conselleiro, quen dixo que Sanidade "sempre" apoiará "medidas que favorezan a formación dos estudantes de Medicina"
.png)
A Xunta avalía coa Universidade a descentralización da docencia de cuarto e quinto de Medicina -con sexto, de práctica clínica, xa se aplica- co obxectivo de "favorecer a formación" dos estudantes, segundo confirmou este venres en Vigo o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño.
O responsable de Sanidade lembrou que hai dez anos chegouse a un acordo entre o seu departamento, o de Educación e as universidades galegas para que a comunidade tivese unha única Facultade de Medicina, a de Santiago de Compostela, e Vigo e A Coruña renunciaban a cambio da descentralización da docencia. Vázquez Caamaño contextualizou que Santiago dispón da Facultade de Medicina con "maior número de alumnos en España -máis de 400 de novo ingreso- e crecendo, o que pode crear certa tensión á hora da formación de todos os estudantes".
Por iso, "coa intención de abordar este futuro problema", a Administración autonómica púxose en contacto coas "entidades pertinentes" para abordar esa situación. Así, dirixíronse ao reitorado e o decanato da Facultade de Medicina e púxose "en marcha a avaliación das posibilidades de que parte da formación de cuarto e quinto curso poida desenvolverse na Coruña e Vigo". "É un proceso que está a dar os primeiros pasos", manifestou o conselleiro, quen dixo que Sanidade "sempre" apoiará "medidas que favorezan a formación dos estudantes de Medicina".