No Día da Medicina Interna os seus profesionais reivindican o papel desta especialidade médica
É unha disciplina centrada na saúde integral do paciente
É máis relevante cada día ante o avellentamento da poboación e o impacto das enfermidades crónicas
O 8 de febreiro celébrase o Día da Medicina Interna, unha especialidade médica centrada na saúde integral do paciente. Xa durante toda esta semana, estes profesionais están a conmemorar e resaltar o papel que desempeña esta disciplina no tratamento e coidado de doentes con varias patoloxías e crónicos, que son a maioría dos ingresos que existen nos hospitais galegos debido ao envellecemento da poboación.
A medicina interna é unha especialidade médica clave no Sistema Nacional de Saúde, responsable do coidado dos doentes con enfermidades complexas ou sistémicas, tanto no hospital coma na atención domiciliaria. É unha disciplina cada día máis relevante ante o avellentamento da poboación e o impacto das enfermidades crónicas.
"É unha especialidade xeral, matriz de todas as outras especialidades médicas, persoas con difícil diagnose e difícil tratamento. Defendemos un tipo de medicina que é a esencia da medicina, vemos os pacientes dun xeito holístico, vemos os doentes en todas as esferas non só as enfermidades senón tamén pola súa esfera psicosocial e emocional", di Juan González Soler, xefe de Medicina Interna do CHUO.
O servizo de medicina interna do hospital universitario de Ourense conta con varias unidades de hospitalización que atenden un perfil de pacientes pluripatolóxicos e de idade avanzada, nunha provincia como a ourensá, que ten unha das maiores taxas de envellecemento a nivel nacional. No ano 2024 houbo preto de 8.000 ingresos hospitalarios e tamén deron resposta asistencial a preto de 12.000 doentes en consultas externas.
"Temos varias unidades específicas, en enfermidades autoinmunes, enfermidades infecciosas, enfermidades minoritarias. Estamos xerando outro tipo de unidades específicas para grupos concretos de doentes", engade.
Un dos principais obxectivos da medicina interna é a coordinación e a creación de sinerxías cos equipos de atención primaria para mellorar a continuidade asistencial.
