Arrinca en Lugo unha nova Ruta do Cocido por (E)tapas
Cada un dos 18 locais participantes ofrece unha carne distinta, ademais da gornición
Un ano despois de que cinco locais de hostalería de Lugo decidiran organizar unha ruta do cocido por etapas, o éxito da iniciativa fixo que se multiplicara o número de participantes. Nesta segunda edición, concorren ata dezaoito coa súa propia versión, en formato de tapa, do prato invernal máis paradigmático da nosa gastronomía.
Desireé García, hostaleira: "É o primeiro ano que participamos. O ano pasado fixérono cinco locais da praza do Campo e tivera unha moi boa aceptación. De feito, un deles é noso e fora moi ben. Todas levan grelo, pataca e garavanzo, e no noso caso poñemos tamén lacón".
Pepe Figueroa, hostaleiro: "Estamos facendo a tapa con morro. O ano pasado foron cinco, e visto o seu éxito, este somos moitos máis".
Luz Estela Arroyabe, cociñeira: "Estamos participando co rabo, ademais dos garavanzos, as patacas e os grelos".
Ademais de degustar o cocido coas diferentes carnes do cocho, quen percorra un mínimo de cinco etapas desta ruta gastronómica tamén poderá probar sorte. Terá dereito a participar nun sorteo con diversos premios.
Desireé García, hostaleira: "Se selan en cinco locais participantes, como incentivo, entran no sorteo de varios premios, como son unha visita a unha adega, visitas a un museo cervexeiro ou un lote de cervexas".
As tapas de cocido, a tres euros cada unha, estarán dispoñibles ata o día 23 nos locais que participan na ruta.