Tapas en directo e a prezos accesibles dalgúns dos mellores cociñeiros de Galicia
O programa de 'Cociñando Santiago' desenvólvese en sete xornadas, de abril a novembro, no Mercado Boanerges de Santiago
Comeza este venres, coas propostas de Iago Pazos, do Abastos 2.0
A alta cociña galega pónse ao alcance de todos os petos. No mercado de Boanerges de Santiago estarán facendo tapas en directo e a prezos accesibles algúns dos mellores cociñeiros de Galicia. Desde o barrio do Castiñeiriño pretenden reivindicar o enorme nivel gastronómico da hostalería da capital de Galicia.
A segunda edición de 'Cociñando Santiago' comeza este mesmo venres, coa oportunidade de degustar as tapas de Iago Pazos, do Abastos, un dos cociñeiros máis célebres de Santiago, pola súa contribución ao ascenso gastronómico da cidade desde un dos seus enclaves máis emblemáticos.
"Vivimos sometidos a unha forte turistificación, e con estas accións, de barrio, foméntase que haxa unha oferta tamén para os que viven aquí", declarou Iago Pazos, do Abastos 2.0, na xornada de presentación
No Boanerges van estar as hamburguesas Goumert de Gonzalo Pose, a fusión galego-mexicana do restaurante Benedita e Elisa, a Viaxe de Tomás Rubio ou o Maina, de Conxo. Con tapas que convivirán coas de Pablo Pizarro, o cociñeiro do mercado gastronómico do Castiñeiriño. E incorpórase este ano o brillo de toda unha estrela da cociña, Lucía Freitas.
"Quizais non temos restaurantes tan espectaculares como A Coruña, con grandes investimentos económicos detrás. Pero hai moita xente facendo as cousas moi ben, en restaurantes pequeniños, con todo o cariño e o amor do mundo, e penso que iso é o que máis atrae os clientes", Lucía Freitas, a chef da Tafona
"O 'Cociñando Santiago' vén este ano cun formato que entendemos que é atractivo e accesible, onde os cociñeiros que nos visiten fagan unha proposta gastronómica para que a xente se achegue á súa filosofía", engadiu Adrián Acevedo, do Mercado Boanerges.
Desde hoxe, e ata novembro, estes cociñeiros irán entrando na axenda gastronómica con prezos de entre 5 e 6 euros por tapa.