Un proxecto público aposta pola cría en extensivo de porco celta en Ribeira de Piquín
Un proxecto público aposta pola cría en extensivo de porco celta en Ribeira de Piquín
Os animais botan o día enteiro ao aire libre en dez hectáreas de monte comunal
Ribeira de Piquín converteuse en todo un exemplo na súa aposta pola gandería en extensivo. Un ano despois da creación da Fundación TerrEo por parte da Administración local, do seu criadeiro xa saíron un cento de exemplares de porco celta.
Os animais botan o día ao aire libre nestes terreos da comunidade de montes de Mestre. Aquí, nas dez hectáreas arrendadas, os cochos aliméntanse de todo canto atopan entre os piñeiros.
Cruz Castro, veterinaria de Asoporcel: "Trátase de que aproveiten a maleza do sotobosque. Hainos que suplementar con penso para teren unha alimentación balanceada, pero logo aproveitan todo o que atopan. De feito, rozan o monte e preveñen lumes forestais".
A través deste innovador sistema, preténdese incentivar a economía local. Estímase que os exemplares criados ata o momento xa produciron un rendemento que podería superar os 40.000 euros.
Cruz Castro, veterinaria de Asoporcel: "O seu destino é moi variado. Os gandeiros tanto pechan o seu propio ciclo e fan os seus propios produtos como venden a particulares ou a empresas elaboradoras. Neste caso, saen en lotes grandes para industrias da Fonsagrada".
Ademais desta explotación de porco celta, a fundación que impulsou o proxecto tamén creou unha plantación de kiwis e mais unha piscifactoría.