Ribeira de Piquín acollerá un grupo de 51 refuxiados
Ribeira de Piquín acollerá un grupo de 51 refuxiados
Levan uns meses en Madrid e proceden de Malí, O Senegal e Mauritania
En Ribeira de Piquín están empadroados 497 veciños
En Ribeira de Piquín ultiman os preparativos para converter este hotel nun centro de acollida para 51 refuxiados.
"Son persoas que chegan con situacións persoais moi delicadas e ás que temos que axudar e tratar de integrar", sinala Roberto Fernández, alcalde de Ribeira de Piquín.
A nova chegou de sorpresa para moitos veciños que se queixan de pouca información.
"Información non nos deron ningunha, soubémolo polo periódico e por Internet".
Aquí hai empadroadas 497 persoas e moitos celebran a chegada de novos veciños.
"Moi contenta porque aquí somos moi poucos e a ver se isto se anima un pouco máis e axudar no que se poida".
Uns din que se precisa man de obra, mentres que outros cren que falta traballo para ofrecerlles.
"Aquí nestes municipios falta moita man de obra, non hai quen queira aprender un oficio". "Falta traballo, se houbese traballo a man de obra xa viña".
Pero na vila predomina a solidariedade lembrando que os galegos tamén foron emigrantes.
"Paréceme ben acollelos, antes nós fomos como emigrantes a outros sitios".
Os novos veciños serán homes de entre 18 e 30 anos que xa levan uns meses en España como solicitantes de asilo e que prodecen de Malí, O Senegal e Mauritania.