Publicador de contidos
Publicador de contidos

O sector forestal busca traballadores cualificados no Perú

O sector forestal busca traballadores cualificados no Perú

As empresas da madeira abren unha bolsa de emprego para 40 operarios

Buscan traballadores que se queiran establecer de xeito permanente en Galicia 

G24.gal 26/10/2024 21:07

O sector forestal precisa de man de obra especializada que non consegue no país, polo que decidiu abrir un proceso de selección de traballadores cualificados no Perú. 
En total, calculan as empresas galegas que precisan uns 40 profesionais para incorporarse nos próximos meses aos traballos no monte e nos serradoiros. 

Buscar na Amazonia do Perú operadores xa cualificados que queiran trasladarse a Galicia para traballar aquí é o obxectivo que ten a Federación Empresarial de Serradoiros e Rematantes de Madeira de Galicia, que puxo en marcha un proceso de selección atendendo á necesidade de man de obra do sector. 

"Actualmente temos quince empresas vinculadas ao sector da madeira en Galicia interesadas en participar nesta selección e contratación de traballadores no Perú. Estamos falando de arredor de 40 profesionais cualificados que é necesario incorporar a estas empresas. Os perfís máis demandados serían o de motoserrista, operarios de maquinaria pesada e diferentes postos de traballo para os serradoiros galegos", asegura Ana Oróns, secretaria xeral de Fearmaga

Hai xa máis de quince anos que o sector buscou traballadores aló, moitos deles permanecen vinculados ao mundo forestal nas madeireiras galegas e incluso como pequenos empresarios. Nesta ocasión tamén se busca que os traballadores veñan para quedar, porque a demanda de traballo é continua. 

"O sector forestal de Galicia actualmente ten uns 22.000 postos de traballo e caracterízanse porque case na súa totalidade son fixos, non somos un sector estacionario que ao longo do ano teñamos picos. Temos un cadro de persoal moi estable e con ese obxectivo é precisamente co que imos buscar traballadores no estranxeiro. Non é para unha temporalidade, senón que é cunha vocación de permanencia en Galicia", explica Oróns

Os traballadores seleccionados, despois de resolveren os trámites de estranxeiría, virán a Galicia e terán formación especializada nas empresas de destino, ademais dun apoio para a súa integración psicosocial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade