Milleiros de inmigrantes terán que renunciar aos seus traballos co novo regulamento de estranxeiría
A norma impedirá que a figura do asilo se use para obter un permiso de emprego temporal
Persoas que levan meses establecidas en España pasarán a ser irregulares e deberán deixar os seus postos
Os afectados terán que agardar ata dous anos para poder conseguir a residencia
As entidades de axuda aos migrantes alertan de que o novo regulamento de estranxeiría, que entrará en vigor en maio, forzará que milleiros de persoas establecidas en España dende hai meses renuncien aos seus traballos. Moitos, din, pasarán á clandestinidade, e outros terán que manterse ata dous anos con axudas sociais. As organizacións benéficas aseguran que xa están saturadas de peticións.
O novo regulamento vai cambiar a figura do asilo. Agora, unha persoa pode pedir o que se chama protección internacional e ir traballando mentres se estuda a petición. Pero o Goberno central cre que se está abusando desa vía e, a partir de maio, o tempo do asilo xa non contará para conseguir a residencia. A vía ordinaria será agardar dous anos sen papeis.
"Eu sei que é ilegal traballar en negro", di Teresita, que veu pedir asesoramento na oficina da Federación de Venezolanos de Galicia en Vigo, "así que terei paciencia, non me queda outra". O seu compatriota Tulio José, que leva uns meses na cidade co visado de turista, engade que ten "terror, medo" pensando que terá que estar dous anos sen poder traballar en España. E Andrés, outro venezolano que vive en Santiago, apunta: "Como facemos para nos manter ou para pagar un alugueiro ou para darlles a manutención aos nosos fillos?".
Efecto retroactivo
Pero o cambio tamén afecta milleiros de migrantes xa establecidos en España, como Alexandra, unha colombiana que leva medio ano en Vigo co seu home e unha filla. Ela traballa en El Corte Inglés; el, en Stellantis. Para conseguir a residencia terán que renunciar ao permiso por asilo e, polo tanto, quedar sen traballos.
"Fun a todas as organizacións que hai en Vigo para saber que podería facer", conta esta moza. "Eu non durmo ben e a nena pregunta se nos van enviar de volta a Colombia", asegura.

As asociacións que tratan cos migrantes afirman que o problema afectará milleiros de persoas. Ana Lera, técnica na Federación de Venezolanos en Galicia, explica: "Non hai xeito de que alguén che dea un traballo, daquela terás que traballar en negro, dous anos".
O novo regulamento de estranxeiría entra en vigor o 20 de maio, pero distintas asociacións presentaron recursos.