Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comeza unha época complicada para os alérxicos ao pole

Comeza unha época complicada para os alérxicos ao pole

Galicia acada estes días niveis máximos de polinización de piñeiros, bidueiros ou gramíneas

Os tratamentos e as vacinas poden mellorar a calidade de vida dos alérxicos

A contaminación agudiza os efectos do pole

G24.gal 05/04/2025 14:53

Segundo a Sociedade Española de Alergoloxía, arredor de oito millóns de españois sofren alerxia ao pole e padecen síntomas na primavera. Despois das chuvias do mes de marzo, Galicia está a alcanzar niveis máximos de polinización de piñeiros, bidueiros ou gramíneas.

Esbirros, picor de ollos e de gorxa, cansazo e mesmo dificultades para respirar son algúns dos síntomas das alerxias primaverais. Que sexan meses máis ou menos complicados para os alérxicos depende do grao de concentración de pole e por tanto tamén das condicións meteorolóxicas. 

"A Sociedade Española de Alerxia sempre fai todos os anos unhas predicións cun modelo matemático e este ano a nivel xeral parece que non vai ser especialmente molesto. A previsión é dunha polinización dun risco moderado", asegura María Ángeles Rico Díaz, alergóloga.

O pole das gramíneas, dos piñeiros ou dos bidueiros son algúns dos que máis afectan aos alérxicos.
Se se teñen síntomas é importante facer primeiro as probas de alerxia e xa cos resultados poder comezar cun plan de tratamento para minimizar as molestias.

"Se os síntomas son continuados e molestos tamén un pode poñer unha vacina que vai previr que os síntomas aparezan cando comeza a polinización", engade.

Segundo os expertos, cada vez hai máis persoas alérxicas e parece que o cambio climático está detrás dese incremento.

"Si que parece que a polinización é cada vez máis prolongada no tempo e pode que ser que o pole sexa máis alerxénico condicionado polos cambios provocados pola contaminación ambiental, do diésel, por exemplo", destaca.

Para minimizar os síntomas, ademais dos tratamentos, os especialistas recomendan utilizar lentes de sol para evitar que o pole entre nos ollos e poñer máscara.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade