Colocan 20.000 trampas nunha nova campaña para atrapar raíñas de velutina
O ano pasado colocouse o mesmo número e con elas capturaron 113.000 raíñas
A Xunta iniciou a campaña para actuar nos niños primarios de avespa velutina coa colocación de 20.000 trampas para capturar as raíñas desta especie.
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este venres en Oleiros na colocación dalgunhas destas trampas.
Alí detallou que a campaña "non só inclúe a retirada de niños", senón que tamén "se fan estudos en colaboración coa universidade para coñecer o comportamento das avespas".
Detallou que o ano pasado tamén se colocaron 20.000 trampas e con elas capturaron 113.000 raíñas.
Isto permitiu, explicou Calvo, "que se reducise a actividade de retirada de niños", unha situación que se reflicte nos datos de atención do teléfono 012. As chamadas por avespa velutina pasaron "de 50.000 a pouco máis de 26.000" en 2024.
Estas trampas, que se revisan cada 15 días, están xeolocalizadas e foron avaladas por técnicos e especialistas coordinados por científicos e investigadores.
O ano pasado retiráronse en Galicia máis de 18.700 niños de velutina, sendo A Coruña a provincia con máis incidencia (quitaron 8.600).
En Pontevedra retiráronse 5.800, en Lugo máis de 2.000 e en Ourense máis de 2.200.