Publicador de contidos
Publicador de contidos

As velutinas, un risco engadido aos traballos forestais

As velutinas, un risco engadido aos traballos forestais

O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral recomenda revisar o terreo por se hai niños de velutinas antes de comezar os traballos no monte

As vespas protexen o niño a unha distancia de 5 metros, polo que non se debe traspasar ese perímetro

G24.gal 25/08/2024 14:26

A vespa asiática supón un risco cada vez maior nos traballos forestais e agrogandeiros pola dificultade que ten detectar os niños entre as silveiras. O Instituto de Seguridade e Saúde Laboral puxo en marcha unha campaña informativa para que as persoas que traballan no monte saiban como prever as picaduras ou actuar no caso dun ataque dos insectos.

Afeitos estamos xa a detectar os niños das vespas velutinas que en poucos días acadan un bo tamaño, pero cando un enxame está agochado entre o mato, nun muro de pedra ou nunha gabia podemos bater nel sen velo previamente. É unha situación coa que se atopan os traballadores forestais e tamén calquera persoa que sae rozar o monte ou limpar unha leira.

"O que recomendamos é facer un recoñecemento exhaustivo do terreo onde se van facer os traballos para ver se hai algún niño. E no caso de atopalo recomendamos non achegarse a menos de cinco metros porque é a distancia de seguridade que protexen elas o niño. Tamén se recomenda non cortar unha árbore con niños nin rozar mato ou silveira se se detectan", explica Encarna Sousa Rodríguez, subdirectora xeral técnica do Issga.

É fundamental avisar os compañeiros de traballo en caso de detectar un niño e se alguén está só no monte levar un teléfono para pedir axuda se se ve ameazado. 

"O que ten que facer a persoa picada ten que fuxir e buscar refuxio. Debe protexer as zonas máis sensibles como pode ser a cara, os ollos e tamén tenden a pica na parte de atrás do pescozo", detalla Sousa.

As velutinas atacan máis se facemos movementos bruscos e se as esmagamos emiten un cheiro que atrae máis vespas. Por iso, se vemos que están atacando alguén debemos chamar ao 112 para que nos informen de como actuar segundo a situación e mobilicen os servizos sanitarios se é preciso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar