A Xunta investirá dous millóns e plantará 7.000 árbores para restaurar a cunca do Umia
Realizaranse labores de "protección, recuperación, revexetación e limpeza" nun tramo de 23 quilómetros do río Umia e en toda a extensión do río Gallo
A conselleira Ánxeles Vázquez indicou que as actuacións servirán para "mellorar o comportamento da zona fronte a posibles inundacións"

A Xunta de Galicia investirá arredor de dous millóns de euros nunha actuación para restaurar a cunca do río Umia, ao seu paso polos concellos de Caldas de Reis, Cuntis e Forcarei. O obxectivo é "mellorar o comportamento da zona fronte a posibles inundacións", segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático Ánxeles Vázquez.
Estas actuacións, previstas ata o primeiro semestre de 2026, contan cun investimento duns dous millóns de euros e inclúen a previsión de plantar case 7.000 árbores de distintas especies.
Ánxeles Vázquez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou este martes a zona alta do río Gallo, en Cuntis. Alí detallou que os labores de restauración incidirán nas dúas marxes dun treito de 23 quilómetros do río Umia, que afecta aos concellos de Cuntis, Moraña e Forcarei, e en toda a extensión do Gallo, de 15 quilómetros.
Os traballos previstos inclúen a retirada de árbores caídas e de biomasa acumulada nas canles que obstaculizan a libre circulación de auga, a retirada de residuos alleos ao ecosistema, a recuperación de zonas degradadas mediante a realización de tratamentos silvícolas, a eliminación de especies invasoras e a plantación de case 7.000 árbores de especies autóctonas.
Así mesmo, a maiores procederase ao derrube de infraestruturas obsoletas e á recuperación e protección de zonas de ribeira mediante técnicas de bioenxeñaría, intervencións que axudarán tamén a facilitar o libre discorrer das augas.
A responsable autonómica destacou que estas actuacións contribuirán a mellorar a calidade do solo e a composición do terreo nas contornas fluviais incrementando a retención de auga e laminando os efectos de posibles crecementos no caudal, así como reducindo a velocidade dos posibles torrentes.
"En definitiva, faranse labores de protección, recuperación, revexetación e limpezas precisas co obxectivo de crear un bosque de ribeira consolidado nas marxes de ambos os ríos", destacou.
Plantar vexetación de ribeira na contorna dos ríos, engadiu a conselleira, permite ademais a creación de corredores verdes e zonas de refuxio para a fauna, achegando importantes beneficios sociais e ambientais para os ecosistemas fluviais e as comunidades próximas.
Estas zonas arborizadas terán un papel "fundamental" para mitigar o impacto de posibles desbordamentos fronte a intensas precipitacións, xa que o río Gallo está declarado como área de risco potencial e significativo de inundación (Arpsi).
De feito, a Xunta aborda co concello a posibilidade de desenvolver outro proxecto na zona para facer fronte a eses riscos de inundación con medidas entre as que se inclúe a creación dunha zona de inundación controlada.