Os cambios na xubilación activa, parcial e demorada entran en vigor
As novas medidas, aprobadas a final de ano, buscan mellorar a compatibilidade da pensión co traballo
Os cambios que afectan a xubilación activa, a xubilación demorada e a xubilación parcial entran en vigor este 1 de abril, segundo lembrou este venres o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
As novas medidas, que buscan mellorar a compatibilidade da pensión co traballo, acordáronse no verán do ano pasado con patronal e sindicatos e aprobáronse a final de ano con entrada en vigor para este próximo martes 1 de abril.
Xubilación activa
No que se refire á xubilación activa, que permite compatibilizar durante un tempo determinado a pensión e o traballo desde que se accede á situación de xubilación, elimínase o requisito de ter unha carreira de cotización completa.
Ademais, a partir de abril, cada ano que se compatibilice traballo e pensión incrementarase a porcentaxe para aplicar na prestación, segundo unha escala.
Así, se a demora é dun ano, a porcentaxe correspondente da pensión será do 45 %; se é de dous, 55 %; se é de 3, 65 %; de 4, 80 %, e, se a demora é de cinco ou máis anos, poderá percibirse ata o 100 % da prestación.
Outra novidade é que a partir de agora este tipo de xubilación será compatible cos incentivos de demora.
Xubilación demorada
A nova regulación introduce cambios tamén na xubilación demorada.
Desde mañá, preverase a posibilidade de recibir un incentivo adicional do 2 % por cada seis meses de demora a partir do segundo ano e non só por cada doce meses.
Xubilación parcial
Tamén entran en vigor agora os cambios na regulación da xubilación parcial.
Así, amplíase de 2 a 3 anos a posibilidade de anticipo de acceso á idade de xubilación e mellóranse as condicións do traballador relevista, cuxa contratación terá que ser indefinida e a tempo completo.
Neste punto, os sindicatos reclamaron adaptacións para poder levar a cabo no caso do persoal laboral público.
O Goberno comprometeuse a implantar unha taxa adicional de emprego público que garanta a xubilación parcial do persoal laboral do sector público.