Os autónomos piden facilidades para aboar cartos pendentes á Seguridade Social
Son 450 euros de media procedentes dos atrasos polo proceso de regularización de cotas de 2023
Lola ten nun pequeno negocio o seu medio de vida. É unha das afectadas polos cambios no sistema de cotización dos autónomos que calcula a cota mensual en función dos ingresos declarados.
"Veñen os atrasos e súmanse a outras cousas. A fin de ano, non che compensa".
Coma ela, Verónica Suárez terá que facerlle fronte a unha cota extra que roza os 450 euros de media. É o resultado da primeira regularización de cotizacións que fai a Seguridade Social, a diferenza entre o pagado e os ingresos obtidos.
"Toca pagar máis. Non me estraña que pechen moitos porque non hai quen resista".
En Galicia hai preto de 50.000 traballadores aos que esta regularización lles sae a pagar. Teran que facelo antes do 30 de abril, un momento complicado para os autónomos.
"É unha obriga máis que nos ven enriba dos autónomos. Xúntase en abril coa liquidación trimestral do IVE, o IRPF, alugueiros...", di Francisco Javier Bello, presidente da Federación de Autónomos de Galicia.
Por iso piden máis facilidades para aboar estes cartos, como poder fraccionar os pagos sen o recargo que lle aplica de máis dun 4 % cada mes de demora.
"Tratar de que o prazo de pago se amplíe ata maio ou xuño. E alongalos ata seis prazos mensuais", pide Francisco Javier Bello, presidente da Federación de Autónomos de Galicia.
No caso contrario están case 25.000 autónomos da nosa comunidade aos que as contas coa Seguridade Social lles saen a devolver. Cobrarán unha media de 600 euros antes de que remate o mes de abril.