Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta busca medidas para reducir o absentismo laboral, próximo ao 8 % en Galicia

A Xunta busca medidas para reducir o absentismo laboral, próximo ao 8 % en Galicia

O absentismo custoulle 850 millóns de euros á Seguridade Social en Galicia e 782 millóns de euros ás empresas en 2023 

A patronal alerta pola duración das baixas, que superan á media nacional, cunha taxa de absentismo do 7,6 %

José González, conselleiro de Emprego José González, conselleiro de Emprego
G24.gal 20/02/2025 16:53 Última actualización 20/02/2025 18:21

A Consellería de Emprego constituíu un grupo de traballo no que se analizarán as causas dunha taxa de absentismo próxima ao 8 % en Galicia, a cuarta máis elevada entre comunidades.

O conselleiro de Emprego, José González, deu conta dun informe das universidades de Santiago e Vigo no que se cifra en 850 millóns de euros o impacto do absentismo na Seguridade Social en Galicia en 2023 e en 782 millóns de euros para as empresas.

"Somos a cuarta comunidade autónoma en taxa de absentismo. Hai diferentes indicadores do absentismo e en todos eles estamos por encima da media", explicou José González.

Estes datos recollen todas as baixas, xa sexan por cuestións como un accidente laboral ou paternidade, pero sen aclarar que parte correspóndense con ausencias inxustificadas. 

“No momento en que sexamos quen de identificar que factores son e cal é a súa relevancia relativa, poderemos atinar nas medidas. En función da causa aplicaremos un tratamento ou outro", indicou Santiago Lago, catedrático en Economía Aplicada da USC.

Santiago Lago recoñece que "é un desafío" coñecer que parte é inxustificada deste absentismo, "pero as estatísticas non che dan esa diferenciación de ningunha maneira, danche o agregado", "independentemente de cal sexa a causa", o que considera "un problema".

"Non o fixo ninguén no mundo, non seremos nós os primeiros", di sobre a posibilidade "complexa" de acoutar que baixas son inxustificadas.

"Importante sinalar que aquí non buscamos culpabilizar a ninguén, senón identificar un problema que en Galicia está a darse en maior intensidade que na media nacional, así como paliar esta situación desde o respecto aos dereitos dos traballadores", sostén Santiago Lago.

Francisco Javier Martínez, profesor de Economía Financeira da Universidade de Vigo, referiuse a diferentes motivos para o absentismo en tres grandes grupos: factores persoais (desde conciliación a accidentes deportivos), sector de actividade (o grao de sinistralidade varía en función do risco) e o contexto do emprego (como poida ser a distancia a casa ao posto de traballo).

Preocupación da Patronal 

O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, mostrou a súa "preocupación" polo absentismo, en especial pola necesidade de "reducir" a duración media das baixas, segundo di, pola "recuperación da saúde" e tamén pola "produtividade e competitividade" das empresas.

Asegura que hai "cifras contundentes" de que as baixas en Galicia son de 74,7 días fronte aos 42,6 días da media española, cunha taxa de absentismo do 7,6 %, o que contrasta con comunidades como Madrid e Andalucía, de pouco máis do 4 %.

Ademais, indica que estes "niveis máis elevados" de ausencia laboral en Galicia prodúcense cando hai unha necesidade de man de obra entre 15.000 e 17.000 traballadores en diferentes sectores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade