Publicador de contidos

Publicador de contidos

Todos os traballadores de Sargadelos reincorpóranse aos seus postos na fábrica de Cervo

Todos os traballadores de Sargadelos reincorpóranse aos seus postos na fábrica de Cervo

Este luns e martes só accederan ao interior da factoría os empregados que aceptaran asinar un documento conforme o facían baixo a súa responsabilidade e os que aceptaran adiantar as vacacións

G24.gal 09/04/2025 10:59

Todo o persoal de produción accedeu este mércores á fábrica de Sargadelos en Cervo, unha semana despois de que estalase o conflito polo pulso que o administrador único, Segismundo García, mantivo á Inspección de Traballo, que lle require melloras en materia de saúde laboral tras constatar que dúas empregadas desenvolveron silicoses nesta emblemática planta de cerámica.

Ata este martes só o fixeran aqueles que aceptaran as condicións da empresa: ou coller vacacións ou reincorporarse "baixo a súa responsabilidade".

Non obstante, este mércores fixérono todos. Primeiro os que xa entraran nos días pasados e posteriormente o resto.

O responsable comarcal da CIG, Xorxe Caldeiro, en declaracións á Axencia EFE, queixábase das formas exhibidas por parte da dirección da empresa, dado que a primeira hora da mañá unha responsable de Sargadelos retivo unha ducia de traballadores (todas mulleres, agás dous homes) na porta da fábrica e díxolles que o administrador único, “Segismundo García, tiña que falar con elas”.

Tamén lles dixo “que ás dez entrarían”. Con todo, “a iso das nove e media chegou Segismundo á planta, pero non houbo tal charla. Simplemente, saíu a de Recursos Humanos e díxolles que se incorporasen aos seus postos de traballo esas doce persoas”.

“Foi unha humillación máis, unha exposición ante o resto dos seus compañeiros, unha vinganza, unha lección, un aviso, non sei o que foi. Simplemente, unha última humillación”, opina Caldeiro, quen confirmou que “agora xa están todos dentro”.

“Foi un xesto gratuíto. Un xesto absolutamente innecesario. Se quería falar con eses traballadores, se se incorporaban ás sete da mañá, podía chamalos e falar con eles en calquera momento”, dixo Caldeiro, quen insistiu en que foi unha maneira de deixar doce empregados “expostos non se sabe moi ben a que”, porque “máis de corenta empregados” non asinaron a proposta da empresa.

Pola súa banda, o responsable de Industria de Comisións Obreiras na Mariña, José Antonio Zan, lamentou tamén esta situación e o que feito de que “o dono omnipresente de Sargadelos e do mundo” permitise “o paso duns traballadores e a outros, antes de que entrasen, tivese que darlles unha lección, non sabemos de que tipo”.

Ao seu xuízo, “é unha persecución en toda regra e unha vergoña que a Consellería de Emprego accedese a esta clase de chantaxes e de faltas de respecto cara aos traballadores”

O luns a última hora, tras varios días de mediación por parte do conselleiro de Emprego, José González, confirmouse que Segismundo García chegara a un acordo coa Xunta para volver á actividade "o máis axiña posible".

O pacto, segundo transcendeu, pasa polo compromiso da consellería e da empresa para realizar un estudo das posibles melloras na protección dos traballadores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade