Inspección de Traballo cita os sindicatos o martes 22 para informar da situación de Sargadelos
Desta maneira respondeu á petición urxente de reunión que cursaron as tres organizacións no medio do conflito na factoría polo pulso que mantivo o dono da fábrica á Inspección de Traballo

Inspección de Traballo citou o vindeiro martes 22 en Lugo os sindicatos CC.OO., UXT e CIG para informalos da situación da fábrica de cerámica de Sargadelos en Cervo, onde dúas traballadoras desenvolveron silicoses. Desta maneira respondeu á petición urxente de reunión que cursaron as tres organizacións no medio do conflito na factoría polo pulso que mantivo o dono da fábrica á Inspección de Traballo.
O empresario, Segismundo García, reaccionou a unha inspección e ao expediente laboral aberto por unha inspectora -requirindo melloras- cunha serie de cartas en que enumeraba outra serie de deficiencias e finalmente anunciaba o peche da planta, segundo dicía, para protexer o persoal. Ese peche literal, debido a que non permitiu o acceso dos traballadores-, executouno o pasado xoves, e durou catro días, ata este mércores, despois de que mediara o conselleiro de Emprego, José González, con cuxo departamento chegou a un acordo o administrador único de Sargadelos para realizar un estudo sobre melloras na seguridade dos empregados. Non transcendeu nada máis sobre o pacto.
Catro días ás portas da fábrica
Así, o persoal de produción pasou catro días ás portas da fábrica, subliñando que eles só querían "traballar" e que os requirimentos da Inspección de Traballo non pasaban polo peche, senón pola execución de melloras nun prazo de tempo que, á súa vez, a Xunta pediu que fose flexible.
O acordo coa Xunta, que se coñeceu a última hora do luns, indicaba que os empregados volverían á factoría "o máis axiña posible", pero o martes só accederon os que aceptaran adiantar unha semana de vacacións, como lles propuxo o xefe. E é que, cando decidiu o peche, mentres os sindicatos denunciaban un "peche patronal" e sen constancia de que iniciase un expediente de regulación de emprego, o dono de Sargadelos ofreceu dúas alternativas ao persoal de produción: ou ben adiantar unha semana de vacacións ou ben asinar un documento segundo o cal aceptaban entrar nas instalacións "baixo a súa responsabilidade" -estes últimos xa estiveron dentro da fábrica o luns-.
Arredor dunha vintena de traballadores acolléronse a algunha destas dúas vías, mentres que o resto, medio centenar, permaneceu fóra, ás portas da factoría. As últimas eleccións sindicais en Sargadelos producíronse en 2017 e na actualidade o persoal carece de representación. A presidenta do comité en 2018 foi revogada polos seus compañeiros no medio dunha serie de despedimentos. Ela mesma foi despedida e finalmente readmitida e indemnizada por sentenza xudicial.