O custo económico da guerra arancelaria, por Santiago Calvo
Xa comezan a coñecerse os primeiros estudos sobre o impacto económico da errática política arancelaria impulsada pola administración de Donald Trump. Lonxe de fortalecer a economía estadounidense, estas medidas están a demostrar ser prexudiciais para o país norteamericano. Un informe recente do Instituto Kiel estima que os aranceis impostos polos Estados Unidos reducirán o seu Produto Interior Bruto nun 1,7 %, provocando unha caída das exportacións de ata o 20 % e un aumento da inflación por riba do 7 %. Así, os EUA vanse converter no país máis afectado pola súa propia política proteccionista.
Pola súa parte, España tamén se vai ver afectadas por esta guerra comercial. Segundo apuntou a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), só a incertidume xerada polos aranceis de Trump podería restar ata medio punto porcentual ao crecemento económico español previsto para 2025.
Neste contexto, España atópase nunha posición delicada, cun déficit público próximo ao límite do 3 % establecido pola Unión Europea e unha débeda pública que supera o 100 % do PIB. Isto limita gravemente a súa capacidade de reacción fronte a crises adicionais. De feito, as medidas anunciadas polo goberno español para responder á situación, cifradas en 14.000 millóns de euros, non consisten en axudas directas senón na reutilización de mecanismos e financiamento xa existentes.
Exemplo disto son as medidas aprobadas onte no Consello de Ministros. Trátase do primeiro tramo das liñas de avais do Instituto de Crédito Oficial (ICO) por valor de 1.000 millóns de euros. 750 millóns de euros teñen como obxectivo garantir a liquidez das empresas, mentres que os restantes 250 millóns de euros serven para financiar novos proxectos de investimento.
A todas luces, resulta evidente que a política arancelaria é contraproducente para a prosperidade económica. Esta guerra no comercio internacional encarece os produtos para consumidores e empresas, distorsiona o mercado e acaba penalizando máis ao país que impón estas barreiras. Lonxe de facer a América más grande, Trump vaina facer más pobre.
Por iso, nestes 90 días de gracia, os Estados Unidos parece que van intentar chegar a acordos co resto dos países para evitar una escalada de aranceis. O Ministro de Economía de España reuniuse tamén onte co secretario do Tesouro, Scott Bessent. O obxectivo e tratar de rebaixar os aranceis do 25 % ao aceiro, aluminio e vehículos, ademais do 10 % de tarifa xeral decretado no día da liberación.