Publicador de contidos

Publicador de contidos

Parte dos empregados volven a Sargadelos, outros aceptaron ir de vacacións e o groso segue ás portas

Parte dos empregados volven a Sargadelos, outros aceptaron ir de vacacións e o groso segue ás portas

A maior parte do persoal -asesorado por representantes sindicais, pero sen comité desde hai anos- rexeitou calquera das dúas opcións, aínda que algúns si accederon a adiantar vacacións e outros entrar na planta "baixo a súa responsabilidade"

Os sindicatos CC.OO., UXT e CIG rexistraron este luns unha solicitude de reunión con carácter urxente á Inspección de Traballo, para abordar a situación da fábrica de Sargadelos en Cervo

G24.gal 07/04/2025 10:31 Última actualización 07/04/2025 12:22

Uns poucos traballadores entraron á fábrica de Sargadelos en Cervo á hora do comezo da súa quenda este luns, segundo informa o representante de CC.OO., José Antonio Zan. Outros aceptaron ir de vacacións, como decidiu o dono de maneira repentina o pasado venres, e o groso segue ás portas da planta.

No medio do pulso que mantén o propietario de Sargadelos a Traballo -dúas empregadas desenvolveron silicoses e os inspectores pídenlle medidas para adecuar a factoría ás normativas de seguridade e saúde laboral-, o pasado xoves foi o primeiro día que Segismundo García decidiu o peche das portas da fábrica, polo que o persoal de produción pasou a mañá no exterior.

O venres repetiuse a xogada, coa condición de que a dirección chamou os empregados, segundo informou a alcaldesa de Cervo, Dolores García, para pedirlles ou ben que aceptasen ir esta semana de vacacións ou ben asinar que entrarían na planta baixo a súa responsabilidade. A maior parte do persoal -asesorado por representantes sindicais, pero sen comité desde hai anos- rexeitou calquera das dúas opcións, aínda que algúns si accederon a adiantar vacacións e outros entrar na planta "baixo a súa responsabilidade". En todo momento, a Inspección de Traballo matizou que non obrigaba a pechar as instalacións, senón que daba un prazo para que a dirección de Sargadelos emendase ata 36 deficiencias detectadas. A maiores, impuxo unha multa de 5.000 euros ao empresario.

"Sentados pero sen traballar"

Este luns, segundo apunta o representante de CC.OO., uns poucos traballadores accederon ao interior da fábrica, aínda que "parece ser que non teñen unha ocupación efectiva" e están "sentados pero sen traballar". En calquera caso, José Antonio Zan matiza que descoñecen cal é a situación exacta, tendo en conta que o que predomina é "o escurantismo".

Segundo Zan, o número de empregados que aceptaron ir de vacacións esta semana é "moi residual" e recrimina ao Ministerio de Traballo e a súa titular, Yolanda Díaz, que "está desaparecida". O departamento que dirixe a ferrolá pediu unha reunión urxente coa dirección de Sargadelos o pasado venres, pero non consta que recibise contestación.

Pola súa banda, a Xunta "está a pedir tempo para negociar" -o conselleiro de Emprego, José González, foi quen levou as conversacións a semana pasada-, segundo este portavoz sindical, que advirte que os traballadores están "moi enfadados" pois o que queren é poder volver á normalidade.

Sindicatos solicitan unha reunión urxente coa Inspección de Traballo para abordar a situación

Os sindicatos CC.OO., UXT e CIG rexistraron este luns unha solicitude de reunión con carácter urxente á Inspección de Traballo, para abordar a situación da fábrica de Sargadelos en Cervo. O representante de CC.OO. José Antonio Zan informou a Europa Press de que queren coñecer o expediente laboral aberto á empresa, tendo en conta que Traballo detectou que dúas empregadas da planta de Cervo desenvolveron silicose e pediu ao dono emendar as ata 36 deficiencias detectadas na factoría.

Por mor destes feitos, o propietario de Sargadelos, Segismundo García, comezou a remitir unha serie de cartas á Inspección nas que, cun particular ton, enumeraba máis incumprimentos en materia de saúde e seguridade e instaba (primeiro) a pechar a fábrica á autoridade laboral, comunicaba o peche motu propio (despois) e notificaba a intención de fixar período vacacional esta semana (por último).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade