Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta autorizará batidas de lobo en casos de danos recorrentes á gandería

A Xunta autorizará batidas de lobo en casos de danos recorrentes á gandería

A nova regulación permite esperas e batidas en zonas afectadas, mantendo a prohibición xeral da caza do lobo en Galicia

Medio Ambiente destaca un aumento do 186 % no número de animais mortos por ataques desde 2010

G24.gal 11/04/2025 16:10 Última actualización 11/04/2025 16:52

A Xunta de Galicia vén de reactivar oficialmente as medidas de control sobre o lobo ibérico mediante unha modificación da súa orde anual de vedas. Esta decisión chega tras a recente aprobación dunha normativa estatal que permite excluír esta especie do réxime de protección máxima, posibilitando a súa consideración como especie cinexética en casos "moi concretos de danos recorrentes".

A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, salientou que a caza do lobo "seguirá prohibida con carácter xeral", mais poderanse autorizar esperas, batidas ou monterías cando se dean situacións reiteradas de ataques que comprometan a viabilidade das explotacións agrogandeiras.

Datos que amosan un aumento de ataques

Segundo informou Vázquez, desde 2010 o número de avisos por ataques de lobo medrou un 308 %, e os animais mortos aumentaron nun 186 %. Desde a inclusión do lobo no Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, no ano 2021, os avisos incrementáronse un 75 % en toda Galicia, e o número de reses mortas subiu un 57 %.

A titular de Medio Ambiente defendeu que o lobo "non está en perigo de extinción" e que Galicia continúa a protexer a especie. Porén, asegurou que é necesario "buscar un equilibrio" que permita a convivencia entre a conservación do lobo e a actividade gandeira. 

Cambios normativos e ferramentas para actuacións locais

A nova orde da Xunta establece que o lobo poderá ser obxecto de medidas de control durante todo o ano, agás nos meses de abril, maio e xuño, nos que só se permitirán esperas, sempre logo dunha constatación previa dos danos.

Ademais, a normativa permite que os concellos máis afectados por ataques poidan solicitar directamente autorizacións, sen esperar á comprobación previa por parte da Xunta. Os gandeiros tamén poderán contactar cos Tecor (Terrenos Cinexéticos de Réxime Especial) ou cos propios concellos para xestionar estas medidas.

Outro avance relevante é a creación dun mapeo cos municipios máis afectados, entre os que se inclúen, na provincia de Ourense, localidades como Viana do Bolo, A Mezquita, Allariz, Baños de Molgas, Montederramo, A Veiga, Sarreaus e O Bolo.

Protexer outras especies vulnerables

Ánxeles Vázquez subliñou que estas medidas tamén buscan preservar outras especies vulnerables, como o corzo e o cabalo galego, "que está a piques de desaparecer".

Indicou que non se autorizarán actuacións por un único ataque illado, mais si en casos con trinta ou máis incidentes nun ano ou en áreas onde haxa razas equinas autóctonas ameazadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade