Publicador de contidos

Publicador de contidos

O lobo mata media ducia de ovellas no lugar da Barxa, en Sarria

O lobo mata media ducia de ovellas no lugar da Barxa, en Sarria

O gando era de raza charolesa, moi apreciada pola súa carne, polo que o dono valora as perdas nuns 1.700 euros

Unha das ovellas xace morta a uns 200 metros da casa do gandeiro damnificado
Félix Aragunde. Imaxe: Afonso García Novoa. 11/04/2025 13:41

Dúas ovellas preñadas, dúas xa paridas e mais dous años de leite. Ese é o balance dun ataque do lobo rexistrado a escasos metros do lugar da Barxa, na parroquia sarriá de Calvor. O seu dono asegura que mesmo chegou a ver un membro da manda que lle matou o gando.

"Vin recollelas e topeime con tres polo camiño, que ían moi aceleradas cara á casa, e xa me encontro cunha morta. Andei buscando o resto, e topeime cun lobo de dimensións considerables. Penso que non era o único, por que non creo que dera comido un só os catro animais que faltan", di José Vázquez, titular da explotación. 

As ovellas eran de raza charolesa, moi apreciada pola calidade da súa carne. Segundo o seu dono, o valor do gando podería acadar os 1.700 euros, polo que vai reclamar que o indemnicen. A tal efecto, os técnicos da Xunta xa certificaron que se trata dun ataque do lobo, o segundo en cinco anos que lle provoca perdas.

"Xa hai cinco sufrira outro ataque do lobo, e tamén o puxera en coñecemento de Medio Rural. Viñeron dous axentes e tamén o comprobaron. Levantaron acta e eu solicitei unha indemnización por outra media ducia de animais, e a día de hoxe aínda non a percibín", quéixase José. 

O dono das ovellas ten como actividade principal a cría de gando vacún de carne. Do ovino, só lle quedan agora un carneiro e dous cordeiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade