A Xunta destina 12,6 millóns para proxectos no rural a través da intervención Leader
Unha das principais novidades é a creación do Bono Activa Rural para fomentar o emprego para a posta en marcha de actividades non agrarias

O Consello da Xunta aprobou este luns destinar máis de 12,6 millóns de euros para poñer en marcha proxectos no rural a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, na convocatoria de intervencións Leader.
O programan financia iniciativas que supoñan a posta en marcha de proxectos produtivos xeradores de emprego e de proxectos non produtivos que beneficien ao conxunto da poboación en xeral.
Segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, vanse poder beneficiar destas axudas as entidades públicas de carácter local ou comarcal, as persoas físicas e xurídicas e as comunidades de montes en man común, así como as súas mancomunidades.
Como novidade nesta edición, a convocatoria inclúe o Bono Activa Rural. Isto consiste nunha subvención destinada á creación e posta en marcha de actividades non agrarias nestas contornas, cunha achega máxima de ata 18.000 euros.
Unha das condicións para optar a esas subvencións é manter a actividade durante cinco anos.
O Pazo de Lourizán, Ben de Interese Cultural
O Consello da Xunta tamén acordou declarar o Pazo de Lourizán como Ben de Interese Cultural (BIC). Segundo explicou Rueda, "hai varias razóns que o fan singular: arquitectónica, histórica, pasaxística e técnica".
A protección afecta o edificio principal, as súas instalacións auxiliares e os xardíns.
A Xunta está investindo máis de 17 millóns de euros na rehabilitación do conxunto, co obxectivo de "abrir o pazo ao conxunto da cidadanía".