Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta pide á CE que inclúa as rexións no deseño dos fondos de cohesión

A Xunta pide á CE que inclúa as rexións no deseño dos fondos de cohesión

O conselleiro transmitiu ao gabinete do comisario que "o enfoque correcto é o de abaixo a arriba", xa que son as administracións locais as que deben "cumprir cos obxectivos que se marcan desde Europa"

G24.gal 11/04/2025 15:34

O conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, pediu este venres á Comisión Europea que a futura Política de Cohesión se deseñe coas administracións "máis próximas ao territorio e ás necesidades da xente".

Tras unha reunión co gabinete do comisario europeo de Cohesión e Reformas, Raffaele Fitto, Corgos comentou á prensa que o Executivo comunitario aínda está a estudar como se vai definir a xestión dos futuros fondos de cohesión.

"O que nos indican é que a Presidencia polaca vai presentar unha proposta de como se debe distribuír a xestión destes fondos, e que aposta por manter un papel relevante para as rexións de Europa", engadiu.

O conselleiro transmitiu ao gabinete do comisario que "o enfoque correcto é o de abaixo a arriba", xa que son as administracións locais as que deben "cumprir cos obxectivos que se marcan desde Europa".

Corgos mostrouse positivo respecto ao recibimento da súa petición, aínda que advertiu que "o demo está nos detalles" e que non se conformará "ata que o vexamos nun regulamento".

"O que lle pedimos tamén é que, á parte de manterse como unha recomendación, se recolla nos regulamentos de disposicións xerais dos futuros fondos tamén", dixo.

Durante a súa visita, o conselleiro tamén participou nunha reunión sobre o marco financeiro plurianual europeo na Fundación Galicia Europa e visitou a Axencia Executiva Europea de Clima, Infraestruturas e Medio Ambiente para falar sobre os fondos de transición xusta concedidos á Xunta. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade