González Ojeda: "Estamos abertos a negociar cos EUA e tamén a impoñer contramedidas"
O representante da Comisión Europea en España afirmou que a imposición de aranceis o único que fai e xerar incerteza, restar potencia de crecemento económico a ambos lados do Atlántico e podería xerar problemas de inflación
Bruxelas non imporá aranceis ao bourbon para evitar represalias de Trump ao viño europeo
Xa se coñece a primeira resposta de Europa aos aranceis impostos por Donald Trump. A Comisión propón gravames de ata un 25 % a produtos estadounidenses, unha lista variada que inclúe desde elementos de construción ata pasta de dentes, pasando polas galiñas poñedoras. Mentres, a presidenta Von der Leyen ofrecía unha reciprocidade de aranceis cero para bens industriais, o que incluiría os automóbiles e a proposta foi rexeitada de momento polos EUA. Sobre estes asuntos falaron este martes no informativo Bos días co representante da Comisión Europea en España.
Lucas González Ojeda, director en funcións da representación española da Comisión Europea, afirmou que lle preocupa o momento que se está a vivir e que a imposición de aranceis o único que fai e xerar incerteza, restar potencia de crecemento económico a ambos lados do Atlántico e podería xerar problemas de inflación.
"Cre que é importante que por un lado esteamos abertos a negociar e falar cos Estados Unidos e ter unha visión comprensiva de todos os problemas que poden aparecer en materia comercial e por outra banda estar preparados para impoñer contramedidas se esa proposta de negociación non acada ningún obxectivo", subliñou González Ojea.
Todas a ferramentas preparadas
O comisario de comercio dicía este luns que estaban preparadas todas as ferramentas por se non se acadaba a vía da negociación. Respecto a isto, o director en funcións da representación española da Comisión Europea manifestou que algo que os caracteriza é a previsibilidade e que é a Comisión a que propón medidas que deben ser discutidas entre todos os seus membros. Insistiu en que é moi importante ir paso a paso, primeiro agotar calquera posibilidade de negociación cos estados Unidos e, de non producirse, teremos que ir coas contramedidas necesarias.
Reprocidade de 0 a 0
Europa ofrecía este luns a reciprocidade de 0 a 0 en aranceis para bens industriais e polo de agora os Estados Unidos rexeitouna. Lucas González cre que é moi importante darlle ao Goberno americano a oportunidade de valorar as nosas propostas, que van na liña que propón a Unión Europea, un mercado aberto ao mundo. Referiuse aos últimos acordos comerciais bilaterais abertos moi importantes como os finalizados co Mercosur, México ou Chile.
Novos mercados
En canto a abrir novas miras a outros mercados, González Ojeda afirmou que é moi importante chegar a acordos comerciais con socios que son moi relevantes e referiuse aos acordos adoptados con países como O Xapón ou O Canadá.
"Estamos desexando un acordo coa India antes de fin de ano. Seguimos a mesma liña dos últimos anos, cremos que é moi importante un comercio aberto que busque sempre as mellores oportunidades para as empresas europeas", afirmou o representante da Comisión Europea en España.
Reforzo en defensa
O Consello de Ministros deste martes vai aprobar un real decreto coas medidas que anunciou a pasada semana o presidente do Goberno Pedro Sánchez ante as consecuencias dos aranceis dos Estados Unidos e mais unha transferencia de crédito de máis de 2.000 millóns de euros para o Ministerio de Defensa. González afirmou que na parte de comercio van ver en que consisten esas medias e na parte de defensa o mesmo. Destacou que Europa ten que facer un plantexamento en seguridade e defensa máis potente o que esixe máis investimento por iso cada estado membro ten que facer o esforzo correspondente na media en que poida.
Marcha atrás aos aranceis?
Sobre se Donald Trump podería botarse atrás na imposición dos areanceis, González Ojeda volveu remarcar que impoñer este tipo de aranceis de maneira precipitada parécelles inxusta e desproporcionada porque non leva nada bo para ningún dos dos lados. Di que non van especular sobre o que vaia facer o presidente americano, van actuar de maneira previsible e rigorosa.